Nova
A Xunta eleva o orzamento do centro A Aixola até os 418.000€ e amplía a súa oferta formativa a todo o ano para reforzar o talento no mar
A Consellería do Mar incrementa a partida un 77% con respecto ao ano anterior para estender os cursos de especialización aos dous semestres do ano
A Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro destaca o éxito laboral do modelo: o 78% do alumnado atopa emprego tras pasar por un centro que este ano ofrece 168 prazas
A programación de 2026 inclúe a reactivación do obradoiro de plásticos técnicos, inactivo desde 2017, e novas técnicas avanzadas de infusión e baleiro en composites
Marín (Pontevedra), 25 de xuño de 2026
A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, visitou hoxe o Centro de Formación A Aixola para avaliar o desenvolvemento da súa programación formativa. Esta iniciativa, cofinanciada polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), consolídase como unha peza clave do Goberno galego para garantir a remuda xeracional, fixar o talento local e mellorar a competitividade de toda a cadea de valor do tecido mar-industria.
O servizo, xestionado de forma directa polo Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar) como medio propio instrumental dende o ano 1997, conta nesta anualidade cunha inxección económica histórica de 418.000 euros. Este orzamento supón un incremento de preto de 182.000 euros fronte aos 236.286 destinados no exercicio de 2025, o que permitiu expandir as accións educativas aos dous semestres do ano e asegurar unha oferta continua e de calidade no porto de Marín.
Ángeles V. Suárez, acompañada pola directora do Cetmar, Rosa Chapela, e polo presidente da Autoridade Portuaria de Marín, José Benito Suárez, destacou que a ampliación do programa estrutúrase a través de 12 accións formativas técnicas de media e curta duración —con cursos que van dende as 70 até as 408 horas— que cobren especialidades coma a confección de artes de pesca, a electricidade e hidráulica naval, a carpintería náutica mediante control numérico (CNC) ou a reparación de embarcacións pneumáticas. En total, o centro oferta este ano un catálogo global de 3.293 horas de formación técnica e un teito de 168 prazas dispoñibles.
Como principais novidades técnicas deste curso, A Aixola reactivou o itinerario de procesos básicos de plásticos técnicos (aplicado ao uso de polietileno e polipropileno en instalacións pesqueiras e acuícolas), un obradoiro que permanecía inactivo desde o ano 2017. Así mesmo, o bloque de materiais composites viuse reforzado cunha nova especialización en técnicas avanzadas de infusión e baleiro para fabricar pezas navais máis lixeiras e resistentes.
As actividades formativas completaranse cunha prospección técnica de necesidades directamente coas empresas da contorna e coa consolidación dun programa piloto para o rexistro, segregación e trazabilidade de residuos de resinas e disolventes en taller.
Excelencia formativa e inserción laboral
A directora xeral puxo en valor os excelentes indicadores de empregabilidade do centro, cuxas enquisas de calidade sitúan a satisfacción do alumnado nun tramo de excelencia cun 9,86 sobre 10. Segundo os últimos datos de seguimento dispoñibles, o 52% dos participantes iniciaron a formación en situación de desemprego, pero seis meses despois de rematar as clases, o 78% declarou estar traballando. Deste volume, o 56% conseguiu un posto vinculado directamente co curso e o 37% inseriuse de xeito estrito no sector mariño-pesqueiro.
Para seguir mellorando estes resultados e garantir a igualdade de oportunidades, a Xunta reforzou o programa de titorías individualizadas e formación compensatoria con 40 horas anuais dedicadas ao apoio en idiomas e habilidades básicas, que se complementan con dous cursos específicos de orientación para facilitar a inserción laboral de xeito por conta allea ou a través do autoemprego.