Nova
A experiencia técnica e científica do Intecmar atrae o interese do Laboratorio Nacional de Sanidade Vexetal e Hixiene
A directora, Covadonga Salgado, recibiu a unha delegación do LNSVH, situado en Lugo
Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 25 de xuño de 2026
O Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar) recibiu hoxe a visita dunha delegación do Laboratorio Nacional de Sanidade Vexetal e Hixiene (LNSVH), situado en Lugo, nun encontro de carácter técnico e institucional orientado ao intercambio de experiencias, coñecementos e boas prácticas en ámbitos relacionados coa seguridade alimentaria, os sistemas de control e a actividade analítica de laboratorio.
Durante a xornada, os representantes da entidade visitante tiveron a oportunidade de coñecer de primeira man as instalacións, capacidades técnicas e liñas de traballo do centro pontevedrés, dependente da Consellería do Mar e que dirixe Covadonga Salgado, así como os seus procedementos de control e seguimento do medio mariño e dos produtos do mar.
A visita serviu para compartir experiencias sobre metodoloxías de traballo, procesos de aseguramento da calidade e retos comúns aos que se enfrontan os organismos de referencia no ámbito da sanidade e da seguridade alimentaria. Este intercambio permitiu tamén identificar oportunidades de colaboración e reforzar o coñecemento mutuo entre ambas institucións.
O encontro puxo de manifesto o papel do Intecmar como axente de coñecemento e centro de referencia técnica e científica, cunha ampla traxectoria na xeración, análise e transferencia de información ao servizo da protección da saúde pública, da sustentabilidade dos recursos mariños e do apoio á toma de decisións das administracións e do sector.
Con este tipo de iniciativas, o Intecmar continúa fortalecendo a súa rede de colaboración con organismos nacionais e internacionais, favorecendo a cooperación técnica como elementos clave para afrontar os desafíos actuais e futuros nos ámbitos da sanidade, a seguridade alimentaria e a protección do medio.