Nova
Galicia lidera en Bruxelas a proposta das rexións periféricas marítimas para acelerar a reforma da Política Pesqueira Común
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, defende no Comité Europeo das Rexións un reequilibrio entre os eixes ambiental, económico e social para garantir o futuro do sector
Como presidenta do Grupo de Traballo de Pesca da CRPM, impulsa un manifesto conxunto para eliminar as barreiras, modernizar a frota e simplificar as normas
A Xunta advirte que as decisións non se poden tomar de costas ao sector: "Sen frotas viables non hai seguridade alimentaria, e sen comunidades costeiras vivas non hai Europa marítima"
Bruxelas, 25 de xuño do 2026
Galicia liderou hoxe en Bruxelas a defensa da posición común das rexións marítimas europeas sobre a orientación futura da Política Pesqueira Común (PPC). O debate estratéxico, titulado "Trazar a reforma da PPC para garantir o futuro da pesca e as comunidades costeiras de Europa", organizado pola Xunta de Galicia en cooperación co Comité Europeo das Rexións (CdR) e a Conferencia de Rexións Periféricas Marítimas (CRPM), que reuniu a eurodeputados, representantes de alto nivel da Comisión Europea (DG MARE), líderes políticos rexionais e colectivos profesionais do sector pesqueiro e acuícola europeo.
Na sesión, a conselleira do Mar, Marta Villaverde, presidenta do Grupo de Traballo de Pesca da CRPM, salientou que “a Unión Europea afronta unha etapa decisiva coa avaliación do regulamento vixente, a futura Visión 2040 e a vindeira programación financeira”, marcos que definirán o modelo de pesca para as próximas décadas. Así, advertiu que os obxectivos ambientais son irrenunciables, pero non haberá unha sustentabilidade ecolóxica duradeira se as actividades pesqueiras deixan de ser viables económica e socialmente. Por iso, instou a reequilibrar estes piares para garantir a supervivencia das comunidades litorais, recordando que Europa non pode aspirar a reforzar a súa autonomía estratéxica mentres incremente a súa dependencia das importacións.
O manifesto de Galicia e a CRPM propón reequilibrar os impactos da PPC para que Bruxelas avalíe as consecuencias socioeconómicas no litoral antes de tomar decisións. Así, demanda substituír o enfoque punitivo da obriga de desembarque por un modelo pragmático baseado na prevención, a selectividade das artes e a innovación científica.
O documento sitúa a descarbonización da frota como eixe central, esixindo eliminar de urxencia os límites de capacidade de arqueo que hoxe frean a renovación de buques por outros máis limpos, eficientes e seguros para as tripulacións. Esta medida acompáñase dunha simplificación normativa que reduza a asfixia burocrática do sector sen comprometer, en ningún caso, a trazabilidade do produto.
Finalmente, o texto reclama reforzar a dimensión exterior para garantir unha verdadeira igualdade de condicións (level playing field). A conselleira defendeu que as importacións de terceiros países cumpran estritamente cos mesmos estándares ambientais, sanitarios e sociais que se lle esixen aos produtores europeos, evitando así asimetrías comerciais desleais.
Alianza institucional e clamor do sector
Pola súa parte, o director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo Aller, recordou o papel indispensable que xogan as administracións rexionais na gobernanza europea. A súa proximidade coas comunidades costeiras e a súa competencia en desenvolvemento territorial outórganlles unha posición privilexiada para deseñar e aplicar enfoques integrados que fuxan de visións unilaterais.
Nas súas conclusións, que recolleron as demandas comúns manifestadas polas frotas de España, Francia, Italia e Portugal, Marta Villaverde concluíu cunha mensaxe directa cara ás institucións comunitarias: "As decisións sobre o futuro do mar europeo non se poden construír á marxe de quen vive del”. E insistiu en que “as rexións estamos listas para asumir a nosa responsabilidade, porque temos claro que sen frotas viables non hai seguridade alimentaria, sen industria de transformación competitiva pérdese emprego, e sen comunidades costeiras vivas, simplemente non hai Europa marítima".