Nova

Villaverde destaca a experiencia de José Antonio Álvarez para impulsar os retos da Autoridade Portuaria Ferrol-San Cibrao

1 de 4
2 de 4
3 de 4
4 de 4

As conselleiras do Mar e de Economía e Industria, xunto á delegada territorial da Xunta en Ferrol, asistiron á toma de posesión do novo presidente do ente portuario

Ferrol, 26 de maio de 2026

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, xunto á conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, e á delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, asistiu hoxe á toma de posesión de José Antonio Álvarez como novo presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao.

A responsable autonómica puxo en valor a ampla traxectoria profesional de Álvarez, quen accede ao posto desde a presidencia de Portos de Galicia.  “Achega un profundo coñecemento do ámbito marítimo-portuario galego e unha sólida bagaxe profesional que serán claves para afrontar os retos desta infraestrutura estratéxica", afirmou Villaverde. A conselleira tamén quixo agradecer o traballo e compromiso do presidente saínte, Francisco Barea.

A responsable autonómica lembrou que o porto de Ferrol afronta unha etapa decisiva para o seu desenvolvemento coa anunciada chegada da planta de SAIC Motor ao Porto Exterior, que está chamada a reforzar o tecido industrial e a competitividade económica tanto da comarca como do conxunto de Galicia, “e que conta co apoio decidido da Xunta”, concluíu.

Imaxes relacionadas