Nova
A Xunta alíase coa intelixencia artificial e a robótica subacuática para optimizar a xestión e sustentabilidade do ourizo de mar en Galicia
A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro avaliou os avances de ‘Perizia’, un proxecto que desenvolveu un robot submarino intelixente para a monitorización dos bancos marisqueiros
A iniciativa está financiada polo programa Pleamar, co apoio da Fundación Biodiversidade e a cofinanciación do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA)
Os biólogos de zona da Consellería do Mar e asistencias técnicas das confrarías colaborarán no desenvolvemento da aplicación práctica destas ferramentas de alta resolución para mellorar a toma de decisións baseada na ciencia
Santiago de Compostela, 27 de xuño do 2026
A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, mantivo unha xuntanza de traballo cos responsables do proxecto tecnolóxico Perizia —coordinado polo Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC) e a Federación Nacional de Confrarías de Pescadores— co obxectivo de impulsar a aplicación práctica de robots submarinos intelixentes no control e avaliación das poboacións de ourizo (Paracentrotus lividus) nas zonas produtivas galegas.
Esta iniciativa desenvolveuse no marco do programa Pleamar (convocatoria 2023) do Ministerio para a Transición Ecológica y el Reto Demográfico, contando co apoio da Fundación Biodiversidade e coa cofinanciación da Unión Europea a través do FEMPA. A colaboración coordinada co Goberno galego centrarase en integrar o coñecemento e experiencia acumulada das asistencias técnicas das confrarías e dos biólogos de zona da Consellería do Mar na aplicación operativa desta tecnoloxía avanzada. Esta folla de ruta aliñase coa estratexia da Xunta de situar a innovación e a evidencia científica no centro da xestión dos recursos marisqueiros para avanzar cara á sustentabilidade do sector.
O proxecto adaptou o vehículo submarino operado remotamente (ROV) 'OURI1', equipado con cámaras de alta resolución 4K, ópticas esféricas de 360 graos e un sistema avanzado de iluminación LED optimizado para as augas batidas das rías galegas. A través de algoritmos de intelixencia artificial baseados en redes neuronais de aprendizaxe profundo (YOLO), o robot procesa as imaxes subacuáticas e as sincroniza con sensores de posicionamento acústico Doppler (DVL).
Este proceso automatizado permite transformar o vídeo do fondo mariño en estimacións cuantitativas de densidade (ourizos por metro cadrado). O uso desta tecnoloxía disruptiva supón un salto cualitativo respecto ás mostraxes manuais tradicionais, xa que reduce o esforzo humano e ofrece unha cobertura espacial moito máis ampla, obxectiva, reproducible e portable en formato GeoPackage para sistemas de información xeográfica SIX (QGIS). Con esta información de precisión, os biólogos e as confrarías poderán identificar as zonas de maior abundancia, optimizar o esforzo extractivo, fixar vedas máis axustadas á realidade biolóxica e deseñar estratexias de repoboación con maior índice de éxito.
Un recurso estratéxico cun alto valor de mercado
O ourizo de mar converteuse nun dos recursos específicos máis valiosos das lonxas galegas, cuxa explotación se xestiona de xeito conxunto a través de plans de xestión. O interese comercial deste equinodermo sufriu un auxe histórico na última década, pasando dun prezo medio de 3,3 €/kg no ano 2014 a superar os 13 €/kg no exercicio de 2025. De feito, por mor dos temporais e a escaseza de capturas nas primeiras semanas de 2026, a cotización acadou puntualmente máximos de máis de 23 €/kg en lonxas como a de Ribeira.
Dada a especial vulnerabilidade biolóxica do ourizo ante a presión extractiva, a Xunta reafirma o seu compromiso de blindar a conservación do recurso combinando o coñecemento tradicional do sector coa vangarda científica. A validación práctica do robot Perizia abre o camiño para a súa combinación operativa a través da nova fase do proxecto (Perizia+), co obxectivo de asentar definitivamente estas ferramentas de intelixencia artificial nos protocolos de seguimento e xestión adaptativa do litoral galego até agosto de 2027.