Nova
Portos de Galicia colabora co Concello de Ortigueira na mellora do edificio de servizos sociais e a posta en marcha do Centro de interpretación de aves mariñas
Santiago de Compostela, 27 de xuño de 2026
A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, colabora co Concello de Ortigueira na mellora do edificio de servizos sociais e a posta en marcha do Centro de interpretación de aves mariñas. Ambos inmobles son titularidade do ente público e están xestionados polo Concello a través de concesións administrativas.
No caso do edificio de servizos sociais, Portos de Galicia outorgou una modificación da concesión municipal que permitiu a reforma interior da planta baixa, cun investimento de 50.000 euros. Os traballos executados polo Concello atópanse xa rematados e permitiron instalar revestimento acústico en varias zonas, renovar o pavimento e revestir as paredes de distintas dependencias, incluída a cafetería.
Polo que respecta ao futuro Centro de interpretación de aves mariñas, situarase no edificio empregado anteriormente para recepción de visitantes. Portos de Galicia outorgou o permiso necesario para reparacións na cuberta e fachadas do inmoble co obxectivo de renovalo para a nova actividade que albergará. Os traballos, que executará o Concello están pendentes de inicio.
Portos de Galicia enmarca ambos trámites, que facilitan melloras de carácter municipal, dentro da colaboración institucional entre as administracións con competencias nas vilas portuarias e o eixo de traballo estrutural do ente público para a integración porto-cidade.