Nova

Villaverde destaca a contribución do premio de Deseño Anfaco á promoción do talento e á innovación do sector

1 de 3
2 de 3
3 de 3

A conselleira do Mar participou na entrega da oitava edición do galardón, destinado a impulsar a competividade e a diferenciación dos produtos

Vigo, 26 de maio de 2026

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, participou este venres na entrega do VIII Premio de Deseño Anfaco, unha iniciativa destinada a impulsar a innovación, a formación e a competitividade da cadea mar-industria, e da que se proclamou oficialmente como gañador o deseñador gráfico Alfonso Rodríguez de Rivas.

Na súa intervención, a representante do Executivo galego destacou a importancia deste certame "para fomentar a incorporación de novas ideas e perspectivas ao sector alimentario, especialmente nun ámbito tan relevante como o deseño e o packaging; elementos cada vez máis determinantes para mellorar a competitividade, a diferenciación dos produtos e a súa adaptación ás demandas do mercado".

A conselleira subliñou así que iniciativas como esta contribúen “a captar e reter talento, favorecen a incorporación de novos profesionais ao sector e consolidan Galicia como un referente na innovación aplicada á industria alimentaria”. Neste sentido, incidiu en que o deseño dos envases desempeña un papel cada vez máis estratéxico para reforzar o atractivo dos produtos do mar e mellorar o seu posicionamento, pois os consumidores actuaisvaloran non só a calidade, senón tamén a presentación, a funcionalidade e a capacidade de diferenciación.

Deste xeito, Villaverde puxo en valor a proxección internacional alcanzada polo certame e destacou que Galicia mantén o seu liderado na industria conserveira europea “grazas á combinación dunha materia prima de excelencia, un tecido empresarial comprometido coa innovación e unha aposta continuada pola formación e a cualificación dos profesionais en toda a cadea de valor, desde a produción ata a comercialización e o deseño”.

"Temos o mellor produto e tamén debe parecelo. Iniciativas como este premio demostran que o talento é un activo esencial para seguir mellorando a competitividade, a sustentabilidade e a diferenciación das nosas empresas nos mercados globais", concluíu.

Imaxes relacionadas