Nova

A Xunta inviste máis de 720.000 € na enseada de San Simón coa sinatura de dous convenios de restauración marisqueira en Vilaboa e Arcade

1 de 2
2 de 2

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, formaliza ambos acordos para protexer o emprego de 95 mariscadoras e sementar máis de 4,8 millóns de ameixas

As actuacións abranguen a rexeneración ambiental de máis de unha ducia de bancos, control de depredadores e a protección da biodiversidade cofinanciada polo FEMPA

Soutomaior (Pontevedra), 26 de xuño do 2026

 A Consellería do Mar dá un novo impulso ao marisqueo na ría de Vigo coa firma de dous convenios de colaboración coas confrarías "Pedra da Oliveira" de Vilaboa e "Virxe do Carme" de Arcade por un importe global de 723.891,53 euros. Encádranse no plan extraordinario de case 23 millóns de euros activado pola Xunta para recuperar a produtividade dos bancos danados polos episodios de baixa salinidade deste inverno.

Ambos plans de restauración, cofinanciados polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), reafirman o avance na coxestión marisqueira ao remunerar de xeito directo o traballo do propio sector nas praias. Así, as 95 profesionais implicadas (48 de Vilaboa e 47 de Arcade) recibirán unha compensación de ata 700 euros ao mes por participar activamente en tarefas de semicultivo, acondicionamento do substrato, control de depredadores, vixilancias nocturnas e mostraxes científicas.

O proxecto de Vilaboa, dotado de 380.946,07 euros, abrangue as zonas produtivas desde Punta Pereiró ata Punta do Cabalo coa participación de 48 mariscadoras a pé. No eido produtivo, o plan prevé a sementeira de 4.000.000 de unidades de ameixa nas zonas altas e o seu resgardo en Riomaior e San Adrián mediante a instalación de redes de luz de malla e parques de cultivo acoutados para o preengorde.

No plano científico, a asistencia técnica do pósito executará un estudo biolóxico pioneiro sobre a ouxa (Myliobatis aquila), analizando contidos estomacais, sexos e tallas dos exemplares capturados con raeiras para optimizar o control deste depredador de bivalvos.

Rexeneración ambiental na Enseada de San Simón

Pola súa banda, o convenio coa confraría de Arcade supón un investimento de 342.945,46 euros para actuar de xeito directo en ata 10 bancos marisqueiros, protexendo o territorio comprendido entre a caseta do Ceboleiro e a pedra dos Caralletes, un ámbito que ampara o espazo natural da Enseada de San Simón. O plan de actuación deseñado para as 47 mariscadoras locais pon especial atención no acondicionamento do substrato do Puntal, a área máis afectada pola acumulación de restos vexetais tras os temporais.

A folla de ruta de Arcade contempla a sementeira de 805.555 unidades de ameixa e a realización de labores intensivos de control e retirada de depredadores coma o cangrexo común e a ouxa, recollendo ademais datos científicos sobre a presenza na zona do caracol mariño Tritia neritea. Estas tarefas complementaranse con traballos de campo de rareos e traslados selectivos -de ameixa para favorecer o desove e de berberecho para potenciar o engorde-, así como quendas estables de vixilancia e mostraxes de seguimento de stocks.

Imaxes relacionadas