Nova
A Xunta inviste máis de 1,3 M€ na recuperación de 1.400 m² de superficie productiva para o marisqueo na Illa de Arousa
A Consellería do Mar suma un dos maiores aportes do plan de recuperación dos bancos marisqueiros tras os eventos de baixa salinidade nun novo convenio coa Confraría de Pescadores San Xulián da Illa de Arousa
O rango de alcance deste proxecto superará os 1400 metros cadrados e implicará a ata a 153 persoas
Arcade (Pontevedra), 26 de xuño de 2026
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, asinou esta tarde co patrón maior da Confraría de Pescadores da Illa de Arousa, Juan José Rial, un dos convenios con maior envergadura económica do plan para a recuperación dos bancos marisqueiros tras o período de baixa salinidade acontecido a comezos do ano, cuxo importe abarca un total de 1.357.655,20 millóns de euros.
A responsable autonómica incide na importancia deste convenio para a recuperación do marisqueo na Illa de Arousa, xa que actuará tanto en zonas de libre marisqueo coma en bancos autorizados, superando os 1.400 metros cadrados, nos que se inclúen areais coma A Canteira, O Bao, Camaxe, Xestelas ou as Aceñas, e onde, na súa maioría, realizaranse labores de acondicionamento e remoción do substrato para a descompactación e osixenación, para a posterior sementeira de 2 millóns de unidades de ameixa babosa. Ademais, efectuarase o traslado de exemplares de ameixa xaponesa a lugares previamente acondicionados.
Este plan abarcará tamén outras accións, como o control e retirada manual do ocinebrellus, un caracol de mar depredador, e de restos de algas de arribazón, que posteriormente serán utilizadas para fins hortícolas.
A conselleira destaca entre as accións previstas a participación en formación para os mariscadores, coas que se especializarán en habilidades propias do sector do mar indo mais aló do meramente extractivo. Inclúense diálogos sobre especies invasoras, primeiros auxilios e competencias dixitais e de manexo de aplicación.
Este convenio, enmarcado nun plan extraordinario de recuperación da actividade marisqueira e coofinanciado polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (Fempa), favorecerá ata 153 persoas mariscadoras que poderán ser remuneradas con ata 700 euros mensuais en xornadas de traballo de 4 horas, que inclúen tanto labores de recuperación coma de vixilancia.