Nova

A Xunta reivindica unha transición ecolóxica e dixital que inclúa ao sector pesqueiro como aliado para garantir a súa viabilidade socioeconómica

1 de 3
2 de 3
3 de 3

O director xeral de Pesca, Isaac Rosón, inaugurou na Coruña o curso de verán do Instituto Universitario Salvador de Madariaga destacando que Europa necesita océanos sans, pero tamén comunidades costeiras fortes

A Coruña, 6 de xullo de 2026

O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Isaac Rosón, inaugurou hoxe na Coruña a quinta edición do curso de verán A acción da Unión Europea na transición ecolóxica e dixital dos mares e océanos. Durante o acto, celebrado no Salón de Actos da Autoridade Portuaria e organizado polo Instituto Universitario de Estudios Europeos Salvador de Madariaga da UDC en colaboración coa Cátedra Jean Monnet, o representante autonómico agradeceu o esforzo das entidades impulsoras por xerar un espazo de reflexión sobre os grandes desafíos marítimos.

Na súa intervención, Rosón advertiu de que a sustentabilidade non pode construírse unicamente sobre o pilar ambiental, senón que debe asegurar tamén a viabilidade económica e social. Neste sentido, subliñou que a transición ecolóxica só terá éxito se incorpora ao sector como aliado, e non unicamente como destinatario de novas obrigas. Así mesmo, lembrou que no actual contexto de tensións xeopolíticas, dispoñer dun sector pesqueiro, acuícola e marítimo forte e moderno deixou de ser só unha cuestión económica para converterse nun asunto estratéxico de seguridade alimentaria e de redución de dependencias externas para Europa.

Finalmente, o director xeral referiuse á transformación dixital e a tecnoloxías como a intelixencia artificial como ferramentas decisivas para mellorar a competitividade, sempre que estean ao servizo das persoas e respondan ás necesidades reais dos profesionais do mar. Rosón concluíu reivindicando que non existe unha verdadeira economía azul sen capital humano, afirmando que a mellor política de conservación dos nosos mares é asegurar que as vindeiras xeracións queiran seguir vivindo e traballando neles.

Imaxes relacionadas