Nova

A Xunta avalía iniciativas para converter as algas de arribazón nun recurso industrial

1 de 1

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, mantivo unha reunión de traballo coas responsables da firma galega Orixe Salgada, recoñecida co Premio Agader 2025 e seleccionada en programas de aceleración estatal

Santiago de Compostela, 7 de xullo de 2026

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, mantivo hoxe un encontro coas responsables da empresa Orixe Salgada, Elena Fontán Alende e Fátima Rodríguez Figueiras, co obxectivo de abordar as problemáticas e as oportunidades que presentan as algas de arribazón no litoral galego.

Durante a xuntanza a Consellería do Mar avaliou o impacto ambiental e económico que estes episodios teñen sobre o sector marisqueiro, analizando estratexias conxuntas que permitan dar un xiro de 180 graos á xestión actual para pasar definitivamente do concepto de "residuo" ao de "recurso de alto valor".

Na reunión presentouse o modelo técnico de Orixe Salgada, un proxecto de biorrefinería circular de residuo cero que conta con aval científico, liderado pola propia Elena Fontán, oceanógrafa e investigadora do programa DOMAR. Esta iniciativa vén de recibir un importante impulso grazas ao Premio Agader 2025 e á recente selección para os programas de aceleración nacional AgroBank Tech e Crecemos Juntas, espertando tamén o interese da Secretaría Xeral de Pesca pola súa escalabilidade ao conxunto do sector nacional.

Alianza pola Economía Azul e a innovación

Ángeles V. Suárez destacou o potencial desta proposta para xerar novas xanelas de emprego e diversificación no ámbito da Economía Azul, redundando directamente na sustentabilidade e competitividade do sector marítimo- pesqueiro. Neste sentido, ambas partes puxeron sobre a mesa unha proposta de colaboración futura para o lanzamento dun proxecto piloto de I+D. Esta alianza estratéxica buscará executar probas de escalado industrial sobre o terreo e estudar as trabas regulatorias estatais para integrar plenamente estes novos procesos bioeconómicos na contorna de Galicia.

Imaxes relacionadas