Nova
Rueda salienta que a ampliación de Stolt Sea Farm en Cervo consolida a Galicia como referente da acuicultura tecnolóxica e innovadora
Sinala que a axilidade administrativa e a seguridade xurídica son claves para atraer investimentos estratéxicos á costa da comunidade
O Goberno galego destinou 13,2 millóns de euros a este proxecto para apoiar o incremento da capacidade produtiva da compañía e a creación de emprego na Mariña lucense
Cervo (Lugo), 7 de xullo de 2026
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou hoxe en Cervo no acto de inauguración do novo criadeiro de linguado e na colocación da primeira pedra do edificio RAS 2 da compañía Stolt Sea Farm, onde destacou que proxectos como este consolidan á comunidade como referente da acuicultura tecnolóxica e innovadora. “Que unha empresa desta envergadura siga consolidando a súa galeguidade e teña o seu centro de operacións mundial na nosa terra é digna de agradecer esa confianza”, afirmou
Na xornada, na que estivo acompañado pola conselleira do Mar, Marta Villaverde, Rueda quixo agradecer á multinacional de orixe noruegués que siga apostando por Galicia para investir e medrar, reforzando un sector como o da acuicultura no que a rexión é líder –máis de 2.600 empresas, 5.600 postos e unha facturación de 247M€–, e volver situar á Mariña lucense no mapa da vangarda industrial e da innovación sustentable.
Algo que, segundo asegurou, ratifica a calidade única do litoral galego, así como o talento e a estabilidade que ofrece a comunidade para atraer e desenvolver investimentos de grande envergadura. Así mesmo, lembrou que este fito cobra especial sentido coincidindo co primeiro aniversario desde que Galicia asumiu as competencias exclusivas sobre a xestión do seu litoral, unha ferramenta clave para dar seguridade e facilidades á actividade desenvolvida na costa, polo que incidiu na necesidade de facilitar as cousas, dar axilidade administrativa e cooperar entre o sector público e o privado para que Galicia sexa un lugar fiable para investir e xerar riqueza.
“A nosa tradición mariñeira, a nosa tradición do litoral, non está rifada co crecemento económico e coa aplicación das últimas tecnoloxías”, indicou, polo que amosou a vontade da Xunta por seguir facendo de Galicia un “lugar fiable para investir, para responder aos esforzos que fai a xente que arrisca a súa riqueza para seguir creando máis e por seguir apostando por esa colaboración entre o noso sector público e privado”.
Novas instalacións
A nova planta de produción de Cervo supón un incremento da superficie produtiva en máis de 7.000 metros cadrados para superar as 500 toneladas anuais. Para facelo posible, o Goberno galego apoiou o proxecto con 13,2 millóns de euros cofinanciados con fondos europeos Fempa, o que contribuirá ademais á creación de 26 empregos directos e outros 50 indirectos na comarca da Mariña.
Así mesmo, o presidente do Executivo autonómico colocou a primeira pedra do edificio RAS 2, un sistema en terra que reutiliza entre o 95% e o 99% da auga, minimizando o impacto ambiental no litoral. “Unha mostra máis desa Galicia moderna e innovadora, da que nos sentimos orgullosos”, asegurou, ao tempo que reafirmou que “se pode vivir na e da costa, e ser especialmente coidadosos cos recursos que se utilizan, coa contorna na que se vive e non renunciar á actividade económica”.