Nova

Galicia esixe ao Goberno central lealdade institucional na adopción de medidas

1 de 1

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, participou no Consello Consultivo de Política Pesqueira e Agrícola para Asuntos Comunitarios, onde afeou a Madrid que responda cunha comisión de estudo "centralista" que move cero euros en apoios directos

Santiago de Compostela, 7 de xullo de 2026

A conselleira do Mar, Marta Villaverde participou hoxe no Consello Consultivos de Política Pesqueira e Agrícola para Asuntos Comunitarios, preparatorios para o vindeiro Consello de Ministros da Unión Europea do 13 de xullo. Na xuntanza, celebrada por videoconferencia, a responsable autonómica aproveitou este foro de interlocución directa para trasladar o seu firme rexeitamento ante o enfoque centralista adoptado polo Goberno central no seu último decreto de urxencia.

En concreto, a titular de Mar centrou as súas críticas na Disposición Adicional Octava do Real Decreto-lei 18/2026, de 29 de xuño. Villaverde denunciou que esta medida constitúe unha flagrante invasión de competencias en materia de ordenación marisqueira. Tamén censurou que o Ministerio pretenda "tutelar" a xestión ambiental do litoral dende Madrid a través dun Comité de Asesoramento que relega a un papel secundario ao Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar) e ás universidades galegas, ignorando de forma consciente que a comunidade xa posúe unha das redes de control oceanográfico máis avanzadas de Europa.

Do mesmo xeito, a conselleira do Mar tachou a resposta do Goberno central de "puramente burocrática" e acusouno de meter "con calzador" as consecuencias climatolóxicas sufridas polo sector galego dentro dun plan motivado pola crise internacional de Oriente Medio, todo para xustificar un pacto político de investidura sen achegar ningunha solución real.

Marta Villaverde lamentou profundamente que este mandato mobilice "cero euros" para os profesionais do mar en Galicia, o que supón unha discriminación arbitraria fronte a outras comunidades autónomas onde o Goberno central si tivo a dilixencia de mobilizar fondos e axudas directas polo impacto dos temporais.

Mentres a Administración autonómica ten que asumir en solitario e con fondos propios as medidas de apoio ao sector e ás persoas mariscadoras afectadas pola paralización da actividade extractiva, o Goberno central limítase a encargar informes, polo que Galicia esixiu que se respalde de verdade ao sector en igualdade de condicións que ao resto do Estado.

Imaxes relacionadas