Nova
A Consellería do Mar investirá máis de 850.000 euros na recuperación de 21 bancos marisqueiros da Confraría de Rianxo
O acordo bilateral, vinculado aos plans de actuación polos episodios de baixa salinidade, permitirá actuar sobre unha superficie de máis de 1,5 M de m2
O proxecto inclúe o cultivo protexido e a sementeira de 5 M de exemplares de ameixa babosa, ademais de tarefas intensivas de acondicionamento do substrato e control de depredadores
Santiago de Compostela, 8 de xullo de 2026
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, asinou hoxe co patrón maior da Confraría de Pescadores “Virxe do Carme” de Rianxo, Miguel Ángel Iglesias, un convenio de colaboración para o desenvolvemento dun proxecto integral de restauración de hábitats e zonas de produción marisqueira. Este acordo, establecido para paliar os danos polas intensas choivas e os consecuentes episodios de baixa salinidade de comezos de ano, contempla todas as medidas deseñadas pola confraría titular dos bancos marisqueiros que serán financiadas na súa totalidade pola Consellería do Mar cun investimento de 856.427,31 euros, cofinanciado nun 70% polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (Fempa).
O plan de restauración estenderase sobre un total de 21 bancos marisqueiros intermareais da localidade, que suman unha superficie conxunta de 1.507.218 m2. Unha das principais accións será a sementeira homoxénea e manual de 5 millóns de unidades de ameixa babosa. Así mesmo, procederase ao rareo e traslado de exemplares de ameixa fina e xaponesa de talla non comercial desde os bancos máis saturados cara a zonas de destino óptimas coma a Ladeira de Leiro, Iñobre (Porto/Sarillo), a Ría de Beluso e a Praia da Torre. Nestas dúas últimas localizacións habilitaranse sistemas de preengorde acoutados mediante panos de rede sobre o substrato, que contarán con tarefas de limpeza quincenal de lodos e algas.
Ademais das repoboacións, o convenio especifica un intenso calendario de traballo para o acondicionamento do medio e a mellora da resiliencia do substrato, executando tarefas de remoción, aireación e descompactación do sedimento tanto de xeito manual coma mecánico co apoio de tractores e embarcacións con arados de chorros de auga. O proxecto, que compensará as tarefas de rexeneración de 94 mariscadoras a pé integradas no plan, estipula tamén a retirada de lixos e restos orgánicos do leito mariño, o control activo de depredadores, quendas de vixilancia territorial e dous mostraxes científicos ao ano en primavera e outono para avaliar a evolución dos stocks.