Nova
Portos de Galicia colabora coa confraría de Portosín e o concello do Porto do Son para a modernización da oficina de turismo
Santiago de Compostela, 8 de xullo de 2026
A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, colaborará coa confraría de pescadores de Portosín e o Concello do Porto do Son na mellora e modernización da oficina de turismo de Portosín. Así o acordaron esta mañá a presidenta do ente público, Natalia Botana, o alcalde sonense, Luis Oujo,e a secretaria da confraría de Portosín nunha reunión na sede do ente público.
No encontro, no que participaron tamén representantes do GALP Costa Sostible, ambos representantes públicos coincidiron na importancia da actuación de mellora que o Concello executará no inmoble situado en dominio público portuario e que actualmente ten en concesión a confraría. Para facer posible estas obras, a entidade profesional cederá ao Concello a xestión da oficina, situada nunha nave portuaria que a día de hoxe xestiona a confraría de Portosín.
Durante a reunión, a presidenta de Portos de Galicia e o alcalde sonense abordaron tamén outras cuestións portuarias de interese no municipio. Entre elas destacaron as obras que está a ultimar o ente público en Portosín para o reforzo do abrigo e ampliación de prazas de atracada para o sector profesional, que contan cun investimento de 2,4 millóns de euros por parte da Xunta de Galicia.