Nova

Villaverde inaugura o encontro ‘O Futuro dos Comedores Escolares’ e destaca a importancia do peixe na alimentación dos máis novos

1 de 4
2 de 4
3 de 4
4 de 4

A Xunta incide na insuficiencia do Real Decreto 315/2025 do 15 de abril ao non incluír as cantidades de peixe recomendadas polos expertos

A conselleira do Mar destacou a importancia do peixe nos menús escolares para o bo crecemento das novas xeracións e a construción de hábitos alimentarios saudables 

O Goberno autonómico destaca iniciativas coma ‘Mexillón de Galicia nas Aulas’ ou Movemento Azul e celebra os avances de Comedores Escolares KM 0 de Galicia na tarefa de achegar ós mozos a alimentos frescos e locais

Santiago de Compostela, 10 de xullo de 2026

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, acompañada polo secretario xeral técnico da Consellería de Educación, Manuel Vila, inaugurou hoxe o encontro ‘O Futuro dos Comedores Escolares: Alimentación, Saúde e Sostibilidade’ que busca debater, analizar e mellorar a alimentación saudable e sostible nos centros educativos.

Durante o encontro debateuse a entrada en vigor do Real Decreto 315/2025 do 15 de abril, unha normativa estatal que afecta tanto a centros públicos coma privados, e que garante a calidade nutricional dos menús escolares ademais de combater a obesidade infantil. A pesar dos beneficios que pode aportar esta lei, Villaverde considéraa insuficiente xa que “non asegura o consumo mínimo do peixe que os expertos consideran necesario”, incidindo en que isto pode causar “consecuencias negativas para o desenvolvemento cognitivo e o rendemento escolar” e inclusive maiores riscos para a saúde a medio e longo prazo.

A responsable autonómica incide na importancia do sector pesqueiro en Galicia, sendo esta unha actividade estratéxica para garantir unha alimentación saudable e de calidade. Dende a Consellería do Mar, desenvolvéronse múltiples actividades para achegar o consumo dos produtos do mar aos pequenos e adolescentes mediante iniciativas como o programa ‘Mexillón de Galicia nas Aulas’, o proxecto Xeración Peixe e a campaña Movemento Azul, que favorecen a que os máis novos desenrolen hábitos de alimentación saudable que poidan manter na idade adulta, tendo un impacto na saúde futura de toda a sociedade.

Tamén participaron neste evento director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Isaac Rosón, e o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte no marco da mesa redonda ‘Estratexias para impulsar o consumo de peixe e alimentos de calidade diferenciada’.

Organización e normativa

Esta xornada organizada pola Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) céntrase en analizar a transformación que están a sufrir os menús escolares tras a entrada do Real Decreto. Dende a Consellería do Mar e a confederación ConsumES, comentáronse diversas liñas temáticas entre as que destaca a alimentación saudable como mellora para a proximidade, tratando de priorizar os produtos frescos, locais e de tempada e apoiando ao pequeno produtor galego, conseguindo así achegar aos colexios á rede de Comedores Escolares KM 0 de Galicia, unha iniciativa que se constitúe como un compromiso máis da Xunta coa saúde das novas xeracións.

Imaxes relacionadas