Nova

A Xunta e a Confraría de Vilanova avalían os avances das tarefas de rexeneración financiadas con preto de medio millón de euros

1 de 1

O pósito e a Administración autonómica coinciden na necesidade de que o Goberno central aplique de inmediato as exencións das cotas da Seguridade Social prometidas ás mariscadoras afectadas polos temporais

Santiago de Compostela, 10 de xullo de 2026

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, mantivo un encontro coa Confraría de Pescadores de Vilanova de Arousa para avaliar os avances na execución das tarefas de rexeneración recollidas no convenio de colaboración bilateral asinado o pasado mes de xuño. Este plan, dotado con 483.597 euros cofinanciados polo fondo extraordinario Fempa, atópase xa activo e recolle accións como a sementeira de 650.000 unidades de ameixa babosa e a corrección da perda de substrato en seis grandes bancos intermareais do municipio para reverter os danos causados polas intensas chuvias de comezos de ano.

No encontro, ambas as partes coincidiron na necesidade de exención das cotas da Seguridade Social para as produtoras que viron interrompida a súa actividade extractiva, e cuxa tramitación é competencia exclusiva do Goberno estatal. Unha medida que, segundo lembrou V. Suárez, xa foi solicitada formalmente e de urxencia pola Xunta en marzo ante o Instituto Social da Mariña (ISM).

A directora xeral contrapuxo así a inacción da Administración nacional co escudo de protección despregado pola Xunta en solitario mediante un plan de choque de 22,7 millóns de euros, o cal garante a compensación ás mariscadoras con ata 700 euros ao mes mentres pola realización das labores de rexeneración e vixilancia das zonas produtivas.

Imaxes relacionadas