Nova
A presidenta de Portos e o alcalde de Ortigueira urxen ao Miteco o informe necesario para a dragaxe de Espasante, solicitado hai máis dun ano
Natalia Botana e Valentín Calvín mantiveron unha reunión para avaliar os avances nesta obra na que o ente público ten previsto un investimento de 1,1 M€
Santiago de Compostela, 13 de xullo de 2026
A presidenta de Portos de Galicia, Natalia Botana, mantivo esta mañá unha reunión con alcalde de Ortigueira, Valentín Calvín, para abordar os principais proxectos portuarios para o municipio e en especial a dragaxe da dársena de Espasante, que se atopa en tramitación ambiental. Ambos mandatarios coincidiron na urxencia de que o Ministerio de Transición Ecolóxica emita o informe de compatibilidade coa estratexia mariña ao tratarse dun informe preceptivo e vinculante para avanzar na tramitación da obra e poder licitala e iniciar os traballos. Este informe foi solicitado por Portos de Galicia ao organismo estatal en xuño de 2025 sen ter resposta ata o momento.
Botana lembrou a complexidade da tramitación do proxecto que saíu a exposición pública en xuño de 2025 recibíndose dúas alegacións, presentadas polo Colexio de Biólogos e a Asociación de Veciños de Espasante. Engadiu tamén que neste trámite o ente público solicitou en total unha vintena de informes a diferentes administracións competentes e organismos sectoriais para poder completar a fase de tramitación ambiental.
O proxecto, de carácter plurianual, contempla un investimento de 1,1 millóns de euros para recuperar os calados que permitan mellorar a operatividade en condicións de seguridade desta infraestrutura portuaria. En concreto as obras contemplan a realización dunha dragaxe inicial nunha superficie de 24.000 metros cadrados e dragaxes posteriores de mantemento durante os seguintes catro anos en función das necesidades operativas.
Preto de 100.000 € para beirarrúas e pavimentos
Durante a reunión Natalia Botana e Valentín Calvín abordaron tamén a próxima mellora do acceso ao porto de Espasante que executará Portos de Galicia no marco do contrato global de mellora de pavimentos en diversos portos das tres provincias costeiras, que se prevé licitar no segundo semestre deste ano para poder iniciar as obras a vindeira primavera. O investimento estimado para esta actuación en Espasante é de preto de 100.000 euros e contempla a renovación do firme e as beirarrúas solicitadas polo Concello para o reforzo da seguridade viaria e o tránsito peonil.