Nova
A Xunta e o sector marisqueiro unen ciencia e tradición en Arcade cunha nova entrega de máis de 200.000 ostras planas autóctonas
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, participou na entrega de semente producida no criadeiro do Centro de Investigacións Mariñas de Galicia en Ribadeo
A iniciativa desenvólvese no marco do proxecto científico 'Ostreares' co obxectivo prioritario de recuperar a biodiversidade e os históricos bancos naturais da enseada de San Simón
O Goberno galego reforza o seu apoio continuado á confraría, que se suma ao convenio de restauración marisqueira asinado hai unhas semanas para reactivar os seus bancos naturais cun investimento de máis de 340.000 euros
Soutomaior (Pontevedra), 14 de xullo de 2026
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, participou xunto ao director do Centro de Investigacións Mariñas de Galicia (CIMA), Carlos Gabín Sánchez, e os responsables da Confraría de Pescadores de Arcade na entrega e colocación de 201.600 unidades de semente de ostra plana europea (Ostrea edulis). A actividade de restauración biolóxica (preengorde , engorde e desove) para a formación de bancos naturais supón un fito loxístico e científico que tivo como escenario o río Alvedosas, unha zona catalogada historicamente pola súa alta produtividade e excelencia para este bivalvo autóctono.
A semente subministrada, de 3 milímetros de talla media, cumpriu un circuíto de investigación e coidado biolóxico de vangarda. Os exemplares reprodutores adultos orixinais de Arcade foron trasladados inicialmente ao laboratorio do Centro de Cultivos Mariños do CIMA en Ribadeo para inducir a súa posta nun ambiente estéril e controlado, libre do parasito da bonamiose que extinguiu o recurso nas últimas décadas do século XX. Tras estabilizarse e acadar o tamaño óptimo no criadeiro de Lugo, os lotes de semente regresaron á ría de Vigo para ser confinados polo colectivo de mariscadoras a pé en liñas de cultivo (long lines) e cestos de plástico intermareais.
A titular de Mar puxo en valor a metodoloxía do proxecto Ostreares (2024-2027), unha estratexia dotada cun investimento de máis de 192.000 euros no marco da rede Redemar que une o coñecemento dos científicos de Galicia coa custodia diaria dos pósitos. A estabulación e preengorde en cestas suspendidas na columna de auga optimiza o crecemento do marisco ao garantir unha oxixenación e alimentación constantes mediante fitoplancto, ao tempo que protexe as crías dos depredadores do fondo.
O sistema tamén permite facer fronte ao actual desafío ambiental e ás drásticas baixadas de salinidade polas choivas intensas do inverno, que obrigan ao persoal do CIMA a monitorizar as praias de continuo con sensores de temperatura para reiniciar os ciclos produtivos cando fose preciso.
Restauración dos bancos
Esta nova acción de vangarda apoia de xeito directo a folla de ruta estruturada entre a Consellería do Mar e a Confraría de Arcade a través do convenio bilateral de restauración marisqueira asinado o pasado 26 de xuño. Dito acordo, cun orzamento específico de 342.945,46 euros cofinanciado polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), garante a protección social e económica das 47 mariscadoras a pé do pósito cunha compensación de ata 700 euros ao mes polas tarefas de coidado e vixilancia activa das zonas produtivas.
A conselleira do Mar acompañou ás mariscadoras que están a desenvolver as tarefas de rexeneración no marco desta alianza estratéxica, enmarcada no plan extraordinario de case 23 M€ do Goberno galego, que alcanza a un total de 10 bancos marisqueiros locais na Enseada de San Simón —desde a caseta do Ceboleiro ata a pedra dos Caralletes— onde, ademais do semicultivo de ostra plana, se executarán sementeiras de máis de 800.000 ameixas, labores de rareo e traslados selectivos, así coma tarefas intensivas de retirada e control de depredadores.