Nova
A Xunta urxe ao Goberno central a exención efectiva das cotas da seguridade social para as mariscadoras galegas
A conselleira do Mar lembra que o Goberno galego xa solicitou formalmente esta medida de urxencia o pasado 13 de marzo ante o Instituto Social da Mariña (ISM) sen obter ata o de agora unha resposta
Marta Villaverde critica que o Estado pretenda dilatar a posta en marcha da medida mentres segue cobrando as taxas ás profesionais sen ingresos
Galicia é a única administración que respondeu de inmediato mobilizando preto de 23 M€ para axudar ao sector a rexenerar os bancos
Santiago de Compostela, 14 de xullo de 2026
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, urxiu hoxe de novo ao Goberno central a aplicar de xeito inmediato, efectivo e con carácter retroactivo a exención das cotas da Seguridade Social para as mariscadoras galegas afectadas polos severos temporais de comezos de ano. A responsable autonómica sinalou a falta de operatividade dos constantes anuncios estatais e, de xeito particular, o oportunismo de presentar a estas alturas un simple "principio de acordo" para unha medida que foi comprometida publicamente por representantes do Executivo estatal e do partido que o sustenta hai xa máis de dous meses e medio, sen que ata a data se teña materializado ningún cambio na situación das profesionais.
Para a titular de Mar, resulta incomprensible que, ante unha situación do sector provocado polos temporais, a resposta do Executivo central sexa a tramitación dun mero borrador de intencións. A maiores, rexeita que se pretenda facer pasar por solución ao marisqueo galego o feito de introducir unha proposta "pola porta de atrás" e "nun traxe alleo" a través dun proxecto de lei —procedente do Real Decreto lei 5/2026— inicialmente deseñado para mitigar os danos noutras comunidades autónomas como Andalucía ou Estremadura.
Unha norma cuxo procedemento de urxencia parlamentaria está a verse bloqueado por sucesivas e inexplicables ampliacións nos prazos de emendas, mentres as traballadoras galegas seguen a pagar as súas cotas cada mes a pesar de carecer por completo de ingresos e de prestación por cesamento por causas de forza maior alleas á súa vontade.
Galicia cumpre
A Consellería do Mar salienta que a Xunta está cumprindo con rigor técnico as súas obrigas ao emitir as correspondentes resolucións de suspensión da actividade extractiva para que se puidesen activar os mecanismos de protección social. Cómpre lembrar que as competencias en materia de cobertura e exencións corresponden en exclusiva ao Instituto Social da Mariña (ISM), “polo que é o Goberno de España quen ten a obriga legal de dar amparo e outorgar as prestacións por cese de actividade que son un dereito recoñecido por lei das traballadoras do noso mar”.
“A desidia de Madrid —que continúa sen achegar recursos económicos específicos para o litoral galego malia ser declarada zona gravemente afectada por unha emerxencia de protección civil o pasado 10 de febreiro— contrasta coa xestión de proximidade e o compromiso financeiro do Goberno autonómico”, sinala Villaverde. “Fronte a un exercicio de inacción, a Xunta non traballa con promesas nin improvisa relatos: actúa con rigor ao carón de confrarías e puxo á súa disposición case 23 millóns de euros para soster os ingresos das mariscadoras e rexenerar a produtividade das nosas rías”.