Nova
Natalia Botana aborda co presidente da Federación de Confrarías de Lugo as principais liñas de traballo nos portos da provincia
Lugo, 14 de xullo de 2026
A presidenta de Portos de Galicia, Natalia Botana, mantivo esta mañá unha reunión institucional co presidente da Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Lugo, Basilio Otero, quen é tamén patrón maior da confraría de Burela. No encontro, celebrado na sede do ente público en Lugo, abordáronse os eixos de traballo prioritarios para a presidencia do ente público que Botana ostenta desde o pasado 17 de xuño.
A reunión co presidente da Federación de Confrarías de Lugo enmárcase na rolda de primeiros encontros institucionais da presidenta de Portos de Galicia, que días atrás iniciou co presidente da federación galega de confrarías e patrón maior de Ribeira; o presidente da federación provincial da Coruña e patrón maior de Muros e o presidente da federación provincial de Pontevedra e patrón maior de Bueu. Nas vindeiras datas Botana continuará as súas xuntanzas cos principais representantes do sector náutico recreativo e operadores portuarios.
Durante a reunión desta mañá puxéronse en común as principais liñas de actuación de Portos de Galicia para os portos de Lugo así como as problemáticas e necesidades dos colectivos profesionais e as vías de traballo da administración portuaria para continuar a darlles resposta. A presidenta de Portos reiterou a súa vontade de coordinar co sector as principais liñas de actuación para que os portos sirvan de valor engadido á actividade produtiva dos profesionais do mar.