Nova
Mar pon en valor o papel das confrarías de Barallobre e Pontedeume na valoración da ostra do Ártabro
A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, participou na xornada de degustación
Fene (A Coruña), 14 de xullo de 2026
A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, participou hoxe na Xornada de Degustación das Ostras do Ártabro, un encontro organizado polas confrarías de Barallobre e Pontedeume para promover un dos produtos con maior potencial de valorización do litoral galego.
Durante a súa intervención, V. Suárez felicitou aos seus responsables pola posta en marcha dunha iniciativa que "nace do orgullo polo noso produto e da vontade de compartilo coa sociedade". Neste sentido, subliñou que o desenvolvemento da ostra rizada nos últimos anos supón unha importante fonte de ingresos para o sector e constitúe unha oportunidade para seguir fortalecendo a economía mariñeira.
A directora xeral lembrou que esta xornada forma parte dun proxecto desenvolvido ao abeiro das Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo, co apoio da Consellería do Mar, orientado a impulsar a innovación e a diversificación do sector pesqueiro artesanal.
Segundo explicou, a iniciativa busca favorecer a elaboración de prototipos de conserva que abran novas vías de comercialización sostible, ao tempo que promove a formación práctica sobre a transformación e o aproveitamento da ostra, fomenta a colaboración entre os pósitos e o conxunto da comunidade mariñeira, e contribúe á creación dun modelo de valorización exportable a outras zonas costeiras.
Así mesmo, destacou que o proxecto reforza a colaboración entre o sector pesqueiro, os ámbitos da formación e da innovación, ao tempo que contribúe a fortalecer a identidade mariñeira local e a poñer en valor tanto o coñecemento tradicional como os recursos propios do territorio.