Nova
O proxecto Movemento Azul da Xunta chega aos campamentos de verán cunha primeira xornada en Sanxenxo
A Consellería do Mar destaca esta iniciativa que favorece o coñecemento do sector do mar por parte dos nenos, vital para impulsar a remuda xeracional de profesións clave
Durante o programa os escolares coñecerán as tarefas de varias profesións estratéxicas para a Economía Azul
Sanxenxo (Pontevedra), 15 de xullo de 2026
O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Isaac Rosón, inaugurou hoxe en Sanxenxo a primeira das xornadas que o proxecto Movemento Azul da Xunta levará a cabo en campamentos de verán de toda Galicia para axudar á promoción do sector do mar, a sustentabilidade e o coñecemento do medio mariño co obxectivo de achegar aos máis novos a este medio e apoiar a remuda xeracional.
O proxecto Movemento Azul comezou nas aulas dos centros de educación primaria co programa Un Mar de Profesións e, actualmente, trasládase aos campamentos de verán, onde esta iniciativa chegará a 10 centros entre xullo e agosto. Isaac Rosón destacou que este proxecto formativo prevé alcanzar un total de 1400 escolares.
O director xeral salientou esta iniciativa para contribuír a espertar vocacións, propiciando a remuda xeracional dos oficios do mar, e conseguindo así que teñan un papel clave no futuro económico e ambiental ligado ao mar e convertendo a economía azul nun motor fundamental para o emprego, innovación e sustentabilidade en Galicia.
O programa
Mediante os obradoiros formativos, os nenos poden experimentar ata catro profesións relacionadas co sector marítimo-pesqueiro, entre as que atopamos mariscadores, pescadores, observadores científicos e patróns de pesca. Mediante a combinación múltiples actividades interactivas con aprendizaxe didáctico, os mais pequenos poderán achegarse aos oficios estratéxicos para a Economía Azul, para que lle resulten atractivos e mesmo poidan pensar neles como modo de vida.