Nova
Portos de Galicia inviste 1 M€ para recuperar a plena operatividade dos atraques no peirao mexilloeiro de Moaña
Natalia Botana visitou os traballos que se atopan en execución ata final de ano e que permitirán reconstruír un tramo da estrutura e reforzar a súa resistencia
Moaña (Pontevedra), 15 de xullo de 2026
A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, está a investir 975.000 euros nas obras de rehabilitación do peirao mexilloeiro da Mosqueira, no municipio pontevedrés de Moaña. Así o subliñou esta mañá a presidenta do ente público, Natalia Botana, nunha visita ao porto para comprobar o desenvolvemento dos traballos que se atopan en execución ata final de ano.
Botana Rey lembrou que esta é unha actuación de grande complexidade cuxa solución técnica e material requeríu de varias licitacións e modificacións do proxecto e do orzamento inicialmente previsto, chegando case a triplicar finalmente o importe no primeiro concurso. Gracias a este esforzo inversor de Portos de Galicia reconstruirase o paramento exterior do peirao de mexilloeiros que estaba fora de uso pola rotura de varios faldóns laterais de protección.
A presidenta de Portos explico que a reconstrución farase con elementos modulares prefabricados de características similares aos existentes no resto de vanos e a instalación duns sistemas de defensa para a atracada dos barcos bateeiros. A zona de actuación ocupa uns 30 metros na cara exterior leste do peirao mexilloeiro e tamén se realizarán melloras e protección preventiva para o resto da estrutura que non sufriu aparentemente danos exteriores.
Segunda fase
Durante a súa visita ao peirao mexilloeiro da Mosqueira, a presidenta de Portos de Galicia explico que o proxecto desta obra tivo que ser modificado ao detectarse, durante as tarefas preliminares realizadas polos fuzos, problemas de resistencia do peirao que non permitían asegurar a viabilidade da carga da grúa necesaria para as obras. Por ese motivo planificouse o reforzo da resistencia do total da estrutura en dúas fases. Na primeira, que está en execución conxuntamente cos traballos de reconstrución do paramento, reforzarase o tramo do peirao que se está a reconstruir. Unha vez rematada esta, haberá unha segunda fase, que está xa en tramitación, para completar o reforzo do total do peirao.