Nova

A Xunta destina 10,5 M€ a impulsar a competitividade das pemes transformadoras dos produtos de pesca e da acuicultura

1 de 4
2 de 4
3 de 4
4 de 4

O responsable de Mar destaca o forte tecido empresarial desta conserveira, pois contribúe  ao desenvolvemento da comarca e a que Galicia sexa líder a nivel nacional e internacional tamén no eido da comercialización

Con esta finalidade, en 2024, a Consellería achegou, no marco dos fondos FEMPA, preto de 2,2 M€ para o sistema de envasado e baleirado e novas liñas de produción e almacenaxe, que se suman aos 11,6 millóns aportados en 2022

Cunha produción de máis de 40 millóns de latas ao ano, esta fábrica sitúase entre as primeiras 25 empresas conserveiras de España

Rianxo (A Coruña), 21 de febreiro de 2025

A Xunta de Galicia destina a impulsar a competitividade das pequenas e medianas empresas de transformación dos produtos de pesca e da acuicultura 10,5 millóns de euros. Así o anunciou este venres o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, na visita realizada a unha das 39 pemes beneficiarias. Trátase de Conservas Cerqueira, situada en Rianxo, e que recibiu preto de 2,2 millóns de euros, no marco do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura (FEMPA) para o sistema de envasado e baleirado e para novas liñas de produción e almacenaxe.

Neste senso, o responsable autonómico, que estivo acompañado da directora xeral e Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Patricia García, destacou a aposta dos responsables da mesma por contribuír a xerar emprego e dotar de valor engadido aos produtos extraídos pola xente do mar baixo criterios de sostibilidade e a aplicación da innovación.

Tal é así que, segundo apuntou Villares, o seu forte tecido empresarial é determinante para que Galicia sexa líder e referente nacional e internacional tamén na comercialización, grazas ao fomento da sustentabilidade, da I+D+I  e da calidade; de tal xeito que, en paralelo, contribúe ao progreso de Rianxo e ao desenvolvemento socioeconómico da comarca do Barbanza e, en consecuencia, de toda a comunidade.

Porén, o conselleiro trasladou a vontade do Goberno galego de seguir colaborando co tecido empresarial marítimo-pesqueiro, co obxectivo de facer de Galicia un lugar no que investir. Proba delo, son as axudas que o seu departamento pon a disposición deste sector no marco de apoiar proxectos como o liderado pola planta coruñesa, que cualificou de máis sostible a nivel produtivo, ambiental e sociolaboral, e que contou tamén en 2022 cunha achega da Consellería do Mar de 11,6 millóns para a ampliación das súas instalacións.

Entre as 25 primeiras empresas de España

Dende 1890 Conservas Cerqueira leva operando no eido da elaboración de conservas de peixes e mariscos frescos de gran calidade. Na actualidade, sitúase entre as 25 primeiras a nivel nacional nesta materia, e a súa produción, que supón unha facturación de 50 millóns de euros, distribúese en mercados nacionais e internacionais, sendo Europa, Asia e América os principais países exportadores. 

Na planta de Rianxo, inaugurada en setembro de 2023,  investiron 28 millóns de euros, e foi deseñada para superar o concepto clásico de usar e tirar, mediante un eficiente sistema de xestión de augas para a súa reutilización en cada proceso. Con 18.000 metros cadrados pertencentes a varias parcelas no polígono industrial, é a planta máis avanzada tecnoloxicamente e a mais eficiente dende o punto de vista medioambiental da localidade.

A súa produción -entre as que se atopan mariscos, túnidos, cefalópodos, delicias do mar, ovas de peixe e outras especies como a sardiña- supera os 40 millóns de latas ao ano, e cumpren  escrupulosamente os esixentes parámetros das seguintes certificacións: Norma IFS Food, Dolphin Safe, Metal e Estoxos Reciclables, Envases Reciclables e Norma Internacional 9001. Conta, ademais, con outra factoría en Vigo e un equipo de traballadores que supera as 200 persoas.

Imaxes relacionadas