Nova
A Xunta impulsa o sector do cultivo do mexillón e a acuicultura sostibles a través dos GALP
A iniciativa da sociedade pontevedresa suscitou o interese da delegación bretoa que visitou estes días a zona, pois o seu desenvolvemento contribúe á dinamización e á diversificación da actividade marítima
Marta Villaverde acompañou á comitiva no encontro mantido cos responsables desta empresa que aposta pola eficiencia no uso dos recursos
Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 8 de marzo de 2025
A Consellería do Mar, a través das axudas aos Grupos de Acción Local Pesqueiros (GALPs), contribúe a dinamizar o sector do cultivo do mexillón e a acuicultura. É o caso do proxecto desenvolvido por R de Lorenzo Cordelería S.L, e que contou co apoio da Xunta para mellorar a súa capacidade produtiva. Ao abeiro desta iniciativa, destináronse 176.552 euros co que a sociedade adecuou a nave e adquiriu nova maquinaria, co fin de incrementar a facturación en aproximadamente un 5% durante o primeiro exercicio para logo manterse nun 3% anual.
Trátase dun proxecto estratéxico que a delegación de Bretaña, encabezada polo vicepresidente do Mar e Litoral, Daniel Cueff, coñeceu durante a visita realizada esta semana á provincia de Pontevedra. A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Marta Villaverde, detallou aos asistentes o desenvolvemento desta iniciativa que contribúe, de xeito paralelo, á dinamización do sector nesta zona, así como á diversificación das actividades realizadas no marco da economía marítima.
Acuicultura eficiente
R Lorenzo Cordelería S.L é una sociedade de recente creación, que herda o bo saber facer de corenta anos dedicados ao sector e que aposta, ademais, pola eficiencia no uso dos recursos. Fabrica cordas empalilladas e tecidas con 100% algodón biodegradable para o cultivo do mexillón. Están feitas con aparellos atuneiros que chegaron ao seu fin de vida útil e desta maneira recíclanse, contribuíndo á conservación do medio ambiente e mellorando a xestión de residuos derivados das actividades pesqueiras. Para isto, traballan en estreita colaboración con diferentes portos de toda España. En todos os procesos de produción e xestión gardan un respecto absoluto polo medio ambiente e non empregan materiais contaminantes nin perniciosos para a contorna e o medio mariño.