Nova

A Xunta destina máis de 700.000 € anuais á reinstalación en bateas de moluscos bivalvos extraídos das zonas de produción declaradas clase C

1 de 3
2 de 3
3 de 3

Alfonso Villares destaca que este servizo permitiu a extracción de 26.170 quilos de ameixa xaponesa, babosa, fina, berberecho e ostra plana no 2024 do que se benefician as confrarías de Ferrol, Barallobre, Miño, Corcubión e Cedeira     

A empresa pública Seaga é a encargada da recollida, transporte, reinstalación, control e vixilancia do lotes que son analizados polo Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar) que autoriza a súa comercialización 

O responsable autonómico visitou a Confraría de Ferrol onde reivindicou o traballo que vén realizando o Goberno galego xunto ao sector para analizar a situación dos bancos marisqueiros e deseñar as medidas máis axeitadas seguindo criterios técnicos 

Ferrol, 14 de marzo de 2025

A Xunta destina anualmente máis de 700 mil euros a unha encomenda á empresa pública Seaga para a reinstalación dos moluscos bivalvos extraídos de zonas produtivas declaradas clase C o que permite a súa comercialización. Un servizo que puxo en valor o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, na súa visita ás bateas onde se realizan estes traballos na ría de Ferrol.

O responsable autonómico, acompañado pola delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, destacou que esta medida permitiu desde a súa posta en marcha no 2012 a reinstalación de preto de 700 toneladas de bivalvos. Nesta liña, explicou que o pasado ano foron máis de 26 toneladas de especies como a ameixa xaponesa, babosa, fina, berberecho e ostra plana que foron comercializadas grazas a estas bateas das que se benefician as confrarías de Ferrol, Barallobre, Miño, Corcubión e Cedeira.

O titular de Mar indicou que o servizo abarca a recollida do produto dos bancos afectados a solicitude das entidades do sector, o seu transporte ás bateas para a súa reinstalación, así como labor de control e vixilancia dos lotes que son analizados polo Intecmar, organismo competente para autorizar a súa comercialización, momento no que trasládase os moluscos ao punto de orixe para a súa venda. Ademais, os produtores son indemnizados nos casos nos que se rexistren mortaldades ao longo de todo o proceso que superen o 10%.

Visita á confraría

O conselleiro do Mar tamén realizou unha visita á Confraría de Ferrol onde reivindicou o traballo que se vén realizando por parte do Goberno galego no marco do modelo de cogobernanza que preside a xestión pesqueira na comunidade. Así, manifestou que se están mantendo periódicos encontros cos representantes das entidades do sector para avaliar a situación dos bancos marisqueiros desta zona co obxectivo de consensuar as medidas máis axeitas sempre seguindo criterios técnicos.

Imaxes relacionadas