Nova

A Xunta financia unha sementeira de 50 mil unidades de ameixa xaponesa en Cedeira ao abeiro das axudas autonómicas de rexeneración dotadas con 2 M€

1 de 4
2 de 4
3 de 4
4 de 4

O conselleiro do Mar asistiu aos traballos incluídos no proxecto de rexeneración desta zona produtiva na que tamén se desenvolveron con anterioridade accións de remoción do substrato así como de retirada de depredadores e limpeza da área

Esta actuación, que abarca unha superficie de 500 m2, ten como obxectivo a recuperación da produtividade así como a extracción sostible deste recurso mariño que permita reforzar a actividade marisqueira no municipio

Cedeira (A Coruña), 20 de marzo de 2025

A Confraría de Pescadores de Cedeira realizou unha sementeira de 50 mil unidades de ameixa xaponesa na enseada de Esteiro no marco dun proxecto de rexeneración desta zona produtiva financiado ao abeiro das axudas da Xunta dirixidas á mellora da produtividade dos bancos marisqueiros e da xestión e conservación sustentables dos recursos mariños. O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, asistiu aos traballos onde destacou o compromiso do Goberno galego en apoiar este tipo de iniciativas ás que destinou en dúas ordes un total de 2,2 millóns de euros.

O responsable autonómico explicou que esta actuación está enmarca nun proxecto no que tamén se realizaron previamente tarefas de acondicionamento do terreo mediante a remoción do substrato, especialmente nos puntos onde presenta maior dureza para facilitar o enterramento dos bivalvos. Ademais, acometeuse a limpeza da zona produtiva retirando depredadores e algas así como residuos. Está previsto que, finalizada a sementeira se proceda a recubrir a zona labrada cunha malla específica para impedir a acción de depredadores ata que os xuvenís acaden os 20 mm de tamaño procedendo a súa retirada unha vez que o seguimento científico así o aconselle.

Alfonso Villares recordou que na actualidade a especie principal na actividade produtiva é o berberecho do que foron extraídos o ano pasado preto de 17 toneladas. Tamén destacou que sementando ameixa xaponesa, unha especie máis resistente aos cambios nas condicións ambientais e á presenza de parasitos, permitirá diversificar a produción. Nesta liña, enumerou que entre os obxectivos do proxecto están mellorar o stock de bivalvos e dos ecosistemas mariños, a redución e eliminación de residuos, a mellora das condicións de traballo das persoas traballadoras do sector e a súa visibilidade.

Outras accións 

A Consellería do Mar tamén está financiando outras actuacións desenvolvidas pola Confraría de Cedeira como a sementeira de ourizo e están en tramitación novas peticións realizadas polo pósito ao abeiro dos apoios autonómicos para a realización de novas accións de rexeneración nos bancos marisqueiros desta localidade coruñesa.

Imaxes relacionadas