Nova

Villares aborda co sector mexilloeiro a necesidade de agrupar a todos os produtores para reforzar o papel de interlocución das súas entidades representativas

1 de 2
2 de 2

Na actualidade na costa galega hai instaladas 3.573 bateas das cales 1.203 non pertencen a ningunha das 45 entidades que agrupan aos produtores de mexillón, diluíndo a voz da actividade miticultora galega

Nas vindeiras semanas recompilarase datos a través das distintas asociacións co obxectivo de actualizar os xa dispoñibles de cara a unha nova convocatoria da Comisión do Mexillón no vindeiro mes de maio

Santiago de Compostela, 26 de marzo de 2025

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, presidiu a Comisión do Mexillón onde instou ao sector a abordar a necesidade de agrupar a todos os produtores da comunidade para reforzar o papel de interlocución das súas entidades representativas na toma de decisións que afectan a súa actividade. O responsable autonómico, acompañado pola directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Patricia García, destacou que das 3.573 bateas instaladas na costa galega só 2.370 forman parte dalgunhas das 45 asociacións actuais que agrupan estes viveiros.

O titular de Mar sinalou que a miticultura é un sector esencial para a comunidade, tanto en termos de facturación como de emprego, que sitúa a Galicia como referente a nivel europeo. Para reforzar ese liderado e asumir con garantías os desafíos actuais resulta imprescindible que os produtores actúen cunha soa voz na defensa desta actividade extractiva. O conselleiro fixo unha chamada á reflexión que faga posible atopar un espazo común que permita unir forzas en favor do interese do mexilloeiro, buque insignia da acuicultura na comunidade e dun produto recoñecido internacionalmente pola súa excelencia así como símbolo da gastronomía galega. 

Máis capacidade

A Consellería do Mar autorizou a mediados deste mes o adianto do período de colocación así como a ampliar 50 cordas colectoras máis a maiores das permitidas no decreto que regula a miticultura na comunidade. Unha ampliación motivada polo cambios das condición oceanográficas e ambientais que provocan desprendementos do mexillón e que, en determinadas épocas, tamén afecta ao desprendemento de mexilla. Deste xeito o Goberno galego mantén a súa aposta por medidas que mellores e optimicen o funcionamento dun sector estratéxico, así como a súa competitividade.

A directora xeral deu conta ao sector da información da que dispón o departamento autonómico na cal se sustentou esta decisión, reflexados en diferentes informes técnicos. García puxo o acento na importancia de dispoñer da maior cantidade de información posible para que poda ser analizada e así tomar as mellores decisións no ámbito da actividade produtiva. Finalmente, acordouse establecer unha periodicidade e que dita Comisión  manteña un novo encontro de seguimento a comezos do mes de maio coa finalidade de fixar a folla de ruta a seguir e reforzar o diálogo entre Administración autonómica e o sector.

Imaxes relacionadas