Nova
Villares aborda coa CRPM a estratexia para avanzar no level playing field no mercado pesqueiro europeo e no reforzo da soberanía alimentaria
O responsable autonómico situou a proteína azul como esencial para garantir a independencia de Europa de terceiros países que operan en condicións que incumpren os estándares europeos en materia laboral e de sostibilidade
O titular de Mar convidou ás rexións da CRPM a participar nun foro que organizará proximamente a Xunta no que se abordarán os desafíos da pesca europea e as actuais liñas de traballo da maior potencia pesqueira do continente
Tamén presentou o Decálogo Estratéxico de Galicia na defensa dos seus intereses ante a revisión da Política Pesqueira Común (PPC), como folla de ruta de Galicia de cara aos retos presentes e futuros que enfronta a cadea mar-industria
Bruxelas, 9 de abril de 2025
O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, abordou coa Conferencia de Rexións Periféricas Marítimas (CRPM) a estratexia para avanzar na implantación dos principios de level playing field no mercado pesqueiro europeo así como o reforzo da soberanía alimentaria que garanta o subministro de alimentos do mar de calidade aos consumidores europeos. Así o fixo no encontro do Grupo de Traballo de Pesca, do que ostenta a presidencia, desta entidade que agrupa a máis de 150 rexións de 24 Estados onde residen 200 millóns de persoas.
O responsable autonómico puxo en valor que as prioridades de Galicia son comúns ao resto de comunidades costeiras que forman parte da organización e subliñou a oportunidade que supón o proceso de avaliación da Política Pesqueira Común (PPC) aberto pola Comisión o ano pasado. Un momento no que a comunidade, na súa condición de principal rexión pesqueira do continente, quere promover cambios que permitan reforzar o traballo das flotas europeas, que operan por todo o mundo, cumprindo os máis altos estándares de sostibilidade a nivel internacional.
Alfonso Villares situou a proteína azul como esencial e imprescindible para garantir a independencia de Europa de terceiros países, con normativas no ámbito ambiental, laboral e persecución da pesca ilegal moito máis laxas. Estados que logo introducen os seus produtos no continente xerando unha competencia desleal cara as empresas europeas. Dous asuntos, a soberanía alimentaria e o level playing field, que van a centrar a acción política, tanto de Galicia como da CRPM, nas institucións europeas.
O titular de Mar tamén convidou ao resto de rexións pertencentes a esta entidade a participar no foro que vai organizar a Xunta proximamente na comunidade no que seguir afondando en tecer alianzas no impulso do protagonismo das rexións no desenvolvemento das políticas pesqueiras en Europa e tamén no que dar a coñecer as actuais liñas de traballo e proxectos en curso. Un evento no que o Goberno galego quere dar a coñecer o labor dos centros de investigación autonómicos así como o modelo de cogobernanza da xestión pesqueira que realiza a comunidade.
Decálogo
Alfonso Villares presentou o Decálogo Estratéxico de Galicia na defensa dos seus intereses ante a revisión da Política Pesqueira Común (PPC), como folla de ruta de Galicia de cara aos retos presentes e futuros que enfronta a cadea mar-industria. Un documento que reformula os anteriores e que comparte a posición da CRPM expresada recentemente na publicación de Unha visión para a competitividade territorial nas rexións periféricas marítimas. Nel se recollen puntos como a rexionalización da PPC, a remuda xeracional, a soberanía alimentaria, a pesca artesanal, as zonas altamente dependentes da pesca, a economía azul, o enfoque ecosistémico na xestión pesqueira, a adaptación da pesca ao cambio climático, a protección da cultura marítima ou o nomeado level playing field.