Nova

A Xunta destina 120.000 € para o control do medio mariño na análise de biotoxinas no marco do control sanitario de moluscos bivalvos

O convenio manterá a súa vixencia ata o 31 de decembro de 2028

Coa renovación deste convenio, os inspectores da Dirección Xeral de Saúde Pública continuarán a recoller mostras nas augas de produción de moluscos para remitilas ao laboratorio do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño

Santiago de Compostela, 17 de agosto de 2025

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e a conselleira do Mar, Marta Villaverde, renovaron a súa colaboración a través da sinatura dun novo convenio para o control do medio mariño na análise de biotoxinas dentro do control oficial de moluscos bivalvos.

Coa renovación deste convenio, os inspectores da Dirección Xeral de Saúde Pública continuarán a recoller mostras nas augas de produción de moluscos para remitilas ao laboratorio do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño. Isto posibilita a realización dun control técnico-sanitario sobre estes produtos do mar para garantir a seguridade alimentaria, e tamén asesoramento técnico-científico.

Entre outros datos, as análises que se realicen permitirán avaliar a posible presenza de biotoxinas, a definición de criterios microbiolóxicos (salmonella, vibrio e norovirus), de dioxinas, bifenilos policlorados (PCB), de metais pesados e hidrocarburos nos moluscos bivalvos procedentes das rías galegas.

Deste xeito, a Xunta fará un investimento de 120.000 euros para o desenvolvemento destas actividades, que serán coordinadas polas Direccións do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño e de Saúde Pública, respectivamente. Así, o acordo estará vixente ata o 31 de decembro de 2028.

Rede de laboratorios en Galicia

Dende o ano 2016, a Consellería de Sanidade e a Consellería do Mar, xunto coas competentes en materia de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, de Medio Rural e de Economía, Emprego e Industria, asinaron un acordo de colaboración para o establecemento dunha Rede Integrada de Laboratorios de Interese en Saúde Pública galega.

Deste xeito, estableceuse a Rede Integrada de laboratorios (Redegalicia), que permite o uso coordinado dos distintos laboratorios de que dispoñen os departamentos asinantes, e que xerasen datos de interese para a Saúde Pública. Entre os laboratorios integrantes atópase o Laboratorio do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño