Nova

A Xunta colabora con 100.000€ ao desenvolvemento de iniciativas sostibles no sector pesqueiro e acuícola no noroeste do Perú

O Goberno galego busca aportar valor engadido a un sector chave de cara a asegurar a soberanía alimenticia e a mellora da nutrición nun dos países prioritarios da Cooperación Galega 

A intervención enmárcase en varios obxectivos prioritarios das estratexias de colaboración no exterior

Santiago de Compostela, 26 de agosto de 2025

A Xunta asinou un convenio de colaboración coa Fundación Centro Tecnolóxico do Mar (Fundación CETMAR) para a execución do proxecto Mulleres, Acuicultura e Reforzo Institucional para o desenvolvemento sostible da Economía Azul na Rexión de Piura, Mar de Piura, O Perú. A través do acordo, o Goberno galego aporta 100.000 euros co obxectivo de fortalecer iniciativas empresariais sostibles no ámbito pesqueiro e acuícola local.

O proxecto desenvólvese, máis concretamente, nas iniciativas da Baía de Sechura, ao noroeste do Perú. Tamén se busca fortalecer os mecanismos de gobernanza en toda a rexión de Piura para aumentar a súa capacidade de adaptación ao cambio climático.

A Fundación CETMAR leva máis de 20 anos traballando en actuacións de cooperación para o desenvolvemento en materia de pesca artesanal e acuicultura e, actualmente, é o socio executor de referencia para a colaboración neste sector de especialización, no que Galicia pode aportar vantaxes comparativas e valor engadido, ademais de ser un ámbito fundamental para garantir a soberanía alimentaria e a mellora da nutrición, neste caso, no Perú.

Longa traxectoria de colaboración

A presenza de actores galegos no Perú conta cunha longa traxectoria en proxectos de mellora da calidade de vida das comunidades costeiras dependentes da pesca artesanal e da acuicultura rural, así como iniciativas para fortalecer as capacidades técnicas de xestión e innovación neste sector. Esta presenza materialízase en acordos como o memorando asinado no ano 2015 entre o Goberno galego e o Ministerio da Produción da República do Perú para colaborar na produción e comercialización dos produtos pesqueiros e agrícolas e incrementar o desenvolvemento das poboacións costeiras a través da explotación racional e sostible dos recursos hidrobiolóxicos.

O convenio actual ten o seu antecedente no ano 2018, cando, aproveitando estas colaboracións pasadas, a Fundación CETMAR realizou unha memoria para identificar as principais necesidades e posibles actuacións no sector pesqueiro e acuícola. Neste sentido, púxose en marcha unha iniciativa de desenvolvemento sectorial na Baía de Sechura baixo a denominación Acuipesca Perú, que se executou entre os anos 2019 e 2021.

Coa sinatura deste convenio en 2025, preténdese incrementar o apoio que o Goberno galego xa veu dando ao fortalecemento produtivo desta rexión, á gobernanza de Piura e a adaptación aos retos futuros que plantexa o cambio climático.

Cumprimento de obxectivos prioritarios

Con este convenio, a Xunta cumpre cun dos compromisos recollidos no V Plan Director da Cooperación Galega 2023-2026, que se enmarca na nova axenda global de desenvolvemento, definida pola Axenda 2030. 

O Plan Director recoñece ó Perú como un dos 11 países prioritarios para a cooperación galega. Os outros son Nicaragua, Guatemala, Honduras, O Salvador, República Dominicana, Ecuador, Bolivia, Mozambique, Guinea Bissau e Cabo Verde.

O plan tamén inclúe como un dos ámbitos estratéxicos da cooperación a defensa da sustentabilidade ambiental e a loita contra o cambio climático. Outros dos obxectivos prioritarios son a erradicación da pobreza multidimensional, a igualdade de xénero, o enfoque baseado en dereitos humanos, o respecto polas diversidades e a promoción da interculturalidade, a equidade e a loita contra as desigualdades, a participación cidadá e o fortalecemento institucional e da sociedade civil.