Nova
A Xunta promociona produtos alimentarios galegos de calidade na 'Américas Food & Beverage Show' de Miami
As consellerías do Medio Rural e do Mar, xunto co Igape, o Clúster Alimentario de Galicia e a Cámara de Comercio da Coruña apoian a presenza de 15 empresas galegas nesta feira profesional
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, e o director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Cándido Rial, atópanse na cidade norteamericana para reforzar esta promoción
Miami (Estados Unidos), 11 de setembro de 2025
Os produtos alimentarios de calidade diferenciada da terra e do mar de Galicia están presentes estes días en Miami (Estados Unidos) da man da Xunta, con motivo da celebración nesta cidade da feira Américas Food & Beverage Show, coa presenza dos selos de calidade diferenciada das denominacións de orixe vitivinícolas Rías Baixas, Ribeira Sacra, Valdeorras, Monterrei e Ribeiro; as denominación de orixe protexidas de queixo San Simón da Costa e Tetilla; Artesanía Alimentaria e a Indicación Xeográfica Protexida Tarta de Santiago.
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, e o director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Cándido Rial, atópanse en Miami para reforzar esta promoción. A iniciativa ten carácter pioneiro neste evento por parte do Goberno galego, da man da Consellería do Medio Rural en colaboración coa Consellería do Mar, o Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga), a Cámara de Comercio da Coruña e o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape).
Desta forma, a Xunta conta cunha illa dentro do espazo do pavillón de España na feira, que acolle un total de 15 empresas alimentarias galegas, das cales seis corresponden ao sector do agro. Trátase de Vinigalicia SL; Panificadora Mencer, SL; Queixeria Cas Leiras SL; Bouza do Rei SAT; Viñas de Belesar SL e Lácteos de Friol, SLU. E as nove restantes pertencen ao sector do mar. Son Conservas La Brújula, S.L; Conservas del Noroeste, S.A; Jealsa Foods, S.A.U; Salgado Congelados, S.L; Calvo Distribución Alimentaria SLU; Congalsa, S.L; Hijos de Carlos Albo, S.L.U; Costas y Miñán, S.L. e Pasteurizados Cies SLU.
Asemade, Galicia tivo un papel destacado nun cóctel celebrado onte ao abeiro desta feira de alimentación, con participación das diferentes empresas españolas presentes neste evento. Con esta iniciativa de promoción, a Xunta busca reforzar a presenza da produción alimentaria de calidade diferenciada da nosa comunidade autónoma no continente americano, sempre tomando como referencia a marca Galicia Calidade e aproveitando as sinerxías e a colaboración público-privada para ampliar e consolidar o seu prestixio neste mercado.
Américas Food & Beverage Show é un certame de alimentación e bebidas exclusivamente aberto á industria e moi orientado tanto ao propio mercado estadounidense como tamén de países latinoamericanos e do caribe. Nesta feira os asistentes buscan produtos innovadores para incorporar ás súas tendas e sorprender os seus clientes.