Nova
Villaverde destaca Galicia como referente no turismo náutico e a súa aposta pola excelencia e calidade
Sanxenxo (Pontevedra), 4 de outubro do 2025
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, clausurou hoxe o sexto Simposio Nacional de Clubs Náuticos onde destacou a magnitude das infraestruturas portuarias da comunidade, con 128 portos, dos cales 122 son de titularidade autonómica. Nesta liña, sinalou que o ente Portos de Galicia xestiona directamente 42 dos 73 portos deportivos que ofertan 10.700 prazas amarre. Uns recintos que xogan un papel dinamizador das comunidades costeiras e que resaltan pola súa aposta pola excelencia sendo Galicia a primeira comunidade con maior número de certificacións turísticas e de calidade náutica.
A responsable autonómica destacou que o compromiso do Goberno galego por impulsar esta actividade económica a través da Portos de Galicia, a Axencia de Turismo de Galicia e a Secretaría Xeral para o Deporte. Unha aposta materializada por parte da Conselleria do Mar en múltiples inversións na mellora das infraestruturas portuarias destinando, por segundo ano consecutivo, 1,2 millóns de euros co obxectivo de atender a demanda actual e incidir na promoción do deporte e turismo náutico. Nesta liña, resaltou os cambios normativos, impulsados polo seu departamento, para acompasalos á regulación estatal simplificando e ampliando as prórrogas e vixencias das concesións en dominio público. Tamén os avances en materia de competitividade externa e exclusividade baixo o concepto de Galicia Porto Único e a identidade de marca Galicia Calidade.