Nova

A Xunta afonda na colaboración coa organización de produtores pesqueiros da Coruña que factura anualmente preto de 16 millóns de euros

O director de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica mantivo un encontro de traballo coa entidade que recibiu unha achega autonómica para financiar as accións recollidas no seu Plan de Produción e Comercialización

Tamén mantivo unha xuntanza coa Confraría de Pescadores na que abordouse o impacto negativo do furtivismo, cunha especial incidencia no percebe, e a importancia do papel de Gardacostas de Galicia nos labores de control e vixilancia

A Coruña, 9 de outubro do 2025

O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Cándido Rial, mantivo un encontro de traballo con representantes da Organización de Produtores Pesqueiros da Coruña (OPP-13) con obxectivo de analizar as necesidades actuais dos seus membros e afondar na colaboración entre esta entidade sectorial e a Administración autonómica. Así, abordaron asunto de interese como as dificultades que xeran as obrigacións de desembarco, o problema da xestión das capturas accidentais ou os problemas relativos á excesiva burocracia no porto, entre outros.

Nesta liña, salientou o protagonismo da pescada como unha das principais especies na produción, representando o 64%, fundamental na facturación anual que de media nos últimos 3 anos alcanzou preto dos 16 millóns de euros. Unhas cifras que evidencian o peso económica desta entidade coa que colabora o Goberno galego no marco das diferentes liñas de apoio autonómica para reforzar a competitividade e sostenibilidade da actividade pesqueira na comunidade. Así, nomeou como exemplo deste traballo conxunto a achega autonómica para o desenvolvemento do Plan de Produción e Comercialización desta entidade sectorial.

Esta axuda fixo posible a realización de acción relativas á planificación da actividade e seguimento das operación da frota asociada, a participación desta OPP en organismos de xestión pesqueira que afectan directamente aos seus intereses así como en feiras sectoriais. Ademais, tamén permitiu a execución de campañas de promoción e comercialización dos seus produtos e accións formativas específicas sobre a manipulación dos produtos pesqueiros coa finalidade de mellorar as prácticas hixiénico-sanitarias na limpeza, evisceración e no mantemento da cadea de frío.

Encontro coa confraría

No marco dos contacto periódicos e constantes dos responsables da Consellería do Mar co sector, dentro do modelo de cogobernanza da xestión pesqueira na comunidade, o director xeral tamén mantivo unha reunión con representantes da Confraría de Pescadores da Coruña. Na mesma, trataron a necesidade de continuar traballando contra a actividade furtiva, cunha especial incidencia no percebe, dado os graves prexuízos que xeran aos profesionais así como o seu impacto negativo na explotación sustentable deste recurso marisqueiro. Así, Rial puxo en valor o traballo que vén realizando os efectivos do servizo de Gardacostas con constantes operativos de control e vixilancia para perseguir a actividade extractiva irregular. No encontro, o responsable autonómico tamén reiterou o apoio do Goberno galego ás demandas desta entidade para que o Goberno central abone as compensación económicas ás persoas mariscadoras afectadas polas obras de dragaxe da ría do Burgo.