Nova

A Xunta entrega ao sector 464.845 unidades de ameixa babosa procedente do minicriadeiro do Instituto Galego de Formación en Acuicultura

1 de 4
2 de 4
3 de 4
4 de 4

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro fixo entrega de semente á Confraría da Illa de Arousa que, na súa maioría, será destinada a preengorde en batea e participou na sementeira de 57.550 unidades de ameixa babosa no Bohído

A responsable autonómica sinalou que este ano estase a realizar labores de remoción de substrato nunha superficie de 1,2 km2 deste importante banco marisqueiro onde quedou suspendida a actividade extractiva durante seis meses para a súa recuperación

Tamén puxo en valor a colaboración do Centro de Investigacións Mariñas de Galicia de Ribadeo que fixo posible o sementado este ano doutras 145.700 unidades de ameixa babosa e 44.800 de ameixa xaponesa en anteriores accións nesta mesma zona

A Illa de Arousa (Pontevedra), 23 de outubro de 2025

A Xunta continúa apoiando o desenvolvemento de actuacións xunto co sector nas zonas de libre marisqueo da ría de Arousa co obxectivo de afondar na rexeneración dos bancos marisqueiros. No marco desta liña de traballo do Goberno galego, a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, fixo entrega na lonxa de Xufre de 464.845 unidades de ameixa babosa procedentes do minicriadeiro do Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa).

A responsable autonómica explicou que a maior parte será trasladada a unha batea da Confraría da Illa de Arousa para o seu preengorde ata que acaden a talla óptima para ser sementadas. Posteriormente, Ángeles V. Suárez participou na sementeira de 57.550 unidades de ameixa babosa deste mesmo lo lote no banco marisqueiro do Bohído no que se estiveron realizando traballos previos de remoción de substrato ao longo de todo este ano nunha superficie de 1,2 km2.

Nesta liña, a directora xeral salientou que estas actuacións están avaladas por un proxecto previo de estudo do estado dos sedimentos e das poboacións da fauna dos fondos mariños da zona. Unha análise desde unha perspectiva sistémica e que tamén ten en conta os compoñentes da infraestrutura azul respecto á preservación e protección da biodiversidade, aplicación da restauración ecolóxica e mantemento dos servizos ecosistémicos. Un labor previo no o propio sector ten un papel activo así como na execución das medidas acordadas.

Estas accións de rexeneración dan continuidade ás realizadas anteriormente coa colaboración do Centro de Investigacións Mariñas de Galicia (CIMA) de Ribadeo que fixo posible o sementado este ano doutras 145.700 unidades de ameixa babosa e 44.800 de ameixa xaponesa nesta mesma zona. Unhas medidas que foron complementadas con outras de carácter técnico como a suspensión da actividade extractiva, en consenso co propio sector, de outubro a marzo nos bancos de libre marisqueo do Bohído, Cabío e Lombos do Ulla coa finalidade de avanzar na súa recuperación.

Apoio ao sector

Ángeles V. Suárez recordou que este último trimestre será de veda e o primeiro trimestre de parada biolóxica, pola que as persoas mariscadoras afectadas recibirán compensacións económicas. A responsable autonómica reiterou o compromiso da Xunta co sector marisqueiro poñendo en marcha iniciativas e liñas de axudas coa finalidade de afondar na súa sostenibilidade e competitividade. No caso da Confraría da Illa de Arousa traduciuse desde o ano 2021 en axudas de máis de 154.000 euros para proxectos de rexeneración ou na entrega de 4.2 millóns de unidades de ameixa babosa e 4,5 millóns de ameixa xaponesa, entre outros apoios.

Imaxes relacionadas