Nova
Mar e Mariña Mercante constitúen un grupo de traballo para elaborar un protocolo de coordinación entre gardacostas de Galicia e Sasemar
A conselleira do Mar mantivo un novo encontro coa directora xeral da Mariña Mercante para avanzar nas demandas autonómicas trasladadas no encontro do pasado mes de setembro
Santiago de Compostela, 29 de outubro do 2025
A Xunta continúa traballando coa Dirección Xeral da Mariña Mercante para afondar na colaboración entre a Administración autonómica e a estatal en ámbitos como a resposta a emerxencias marítimas ou a prevención e loita contra a contaminación mariña. Así, a conselleira do Mar, Marta Villaverde, mantivo un encontro institucional coa responsable deste departamento, dependente do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible, Ana Núñez, co obxectivo de avanzar nos asuntos trasladados por Galicia na reunión do pasado mes de setembro.
A responsable autonómica destacou a constitución dun grupo de traballo para a elaboración dun protocolo de coordinación entre o servizo de Gardacostas de Galicia e Salvamento Marítimo (Sasemar) coa finalidade de prestar un mellor servizo á sociedade e, particularmente, ao sector marítimo pesqueiro. Tamén estase a traballar na confección dun novo convenio de cooperación mutua entre ambos departamentos co obxectivo de dar unha resposta axeitada e áxil ante posibles incidentes que requiran a mobilización dos medios marítimos, aéreos e terrestres de ambas administracións.
Por outra banda, a titular de Mar explicou que aínda estase a estudar a fórmula adecuada para habilitar a consulta da documentación necesaria na tramitación de procedementos administrativos por parte das unidades dependentes dos departamentos territoriais da Consellería. Entre elas, o rol das embarcacións, a folla de asento electrónica ou o certificado de conformidade, dado que permitiría gañar eficacia e automatización nos procedementos. Nesta liña, recordou a petición para acceder ás bases de datos da Dirección Xeral da Mariña Mercante e da Axencia Europea de Seguridade Marítima así como a outras aplicacións informáticas de interese técnico, facilitando deste xeito a interconexión con outros centros de emerxencias doutras administracións públicas.
Un dos asuntos pendentes é a necesidade de incluír á frota deste departamento, composta por funcionarios recoñecidos como axentes da autoridade, nun réxime especial, a semellanza do que acontece na actualidade con Aduanas ou o servizo marítimo da Garda Civil. Isto permitiría que quedara exentas de trámites relativos ao despacho de buques ou doutras normativas relativas a titulacións e outros certificados de formación e especialidade marítima profesional.