Nova
Villaverde destaca a fortaleza exterior da cadea mar-industria galega, que acadou un récord de exportacións de 2.800 M€ no 2024
A titular de Mar salientou que o 60% dos produtos da pesca, acuicultura e transformados en España proceden de Galicia, o que a sitúa á comunidade como a 15 potencia exportadora a nivel mundial
Tamén subliñou que a internacionalización das empresas galegas é unha prioridade, polo que a Xunta investirá 11 millóns de euros para apoiar a súa presenza en 51 feiras nacionais e internacionais ata o 2027
O evento, organizado polo Clúster Alimentario de Galicia, celebrouse no marco do convenio coa Consellería do Mar para impulsar o programa Competemar, cunha achega autonómica de 148.000 euros.
Santiago de Compostela, 14 de novembro do 2025
A Cidade da Cultura acolleu hoxe o primeiro Foro Competemar, no que se analizaron as principais claves para reforzar a proxección internacional e competitividade da cadea mar-industria galega. O evento foi inaugurado pola conselleira do Mar, Marta Villaverde, que destacou a fortaleza exterior do sector marítimo-pesqueiro e a súa industria transformadora que acadaron o pasado ano un novo récord de exportacións de 2.797 millóns.
Villaverde, acompañada polo director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Cándido Rial, sinalou perante directivos empresariais, representantes da administración e expertos en internacionalización, marketing e innovación, a importancia de aproveitar as oportunidades derivadas da crecente integración dos mercados. Nesta liña, puxo en valor a alianza do Goberno Galego co Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) para “reforzar o apoio as nosas empresas co fin de que dispoñan de máis e mellores ferramentas para orientar a súa estratexia exterior”.
A titular de Mar lembrou que o 60% dos produtos da pesca, acuicultura e transformados en España proceden de Galicia, situando a comunidade como a 15 potencia exportadora mundial. Tratase de cifras especialmente significativas nun contexto de descenso progresivo do consumo interno fronte unha demanda mundial en aumento, o que supón “un cambio importante, xa que para competir temos que ofrecer garantía de calidade e ser capaces de orientar a produción cara aos mercados de maior crecemento”.
Para avanzar neste camiño, a Xunta está despregando diferentes liñas de apoio destinadas a superar os obstáculos da actividade exportadora. Por unha banda, facilitando a presenza de pequenas e medianas empresas galegas en 51 feiras internacionais ata o 2027, cun investimento de 11 millóns de euros. A conselleira do Mar subliñou que “a promoción da pesca e acuicultura galega mediante a exhibición dos seus produtos nestes eventos é unha das nosas apostas decididas para abrir novos mercados e seguir batendo récords”.
Programa Competemar
O evento, organizado por Clusaga, enmárcase no convenio de colaboración coa Consellería do Mar para impulsar o programa para a Mellora Competitiva das Empresas do Mar (Competemar), dotado cunha achega autonómica de 148.000 euros. Esta iniciativa inclúe, entre outras accións, a elaboración dun estudo e a realización dun programa de internacionalización da cadea mar-industria; a celebración do Taste of Sea, un evento gastronómico celebrado en Estados Unidos; e un curso formativo destinado a dotar ás empresas das ferramentas necesarias para deseñar a súa estratexia de internacionalización e orientarse cara aos mercados estratéxicos seleccionados.