Nova
Villaverde destaca a renovación do distintivo ‘Pescaenverde’ da OPP-7 Burela como exemplo do compromiso do sector coa sustentabilidade
A conselleira do Mar asistiu á entrega desta certificación da USC que a organización mariñá acadou xa no 2022, converténdose na primeira e única flota de altura con esta coetiqueta
A responsable autonómica adiantou, que en defensa da flota de Burela, a Xunta vén de presentar un recurso de dúplica ante o TXUE polas 87 vedas
Burela (Lugo), 13 de marzo do 2026
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, asistiu este venres ao acto de renovación da certificación Pescaenverde da Organización de Produtores Pesqueiros do Porto de Burela (OPP-7), un distintivo que outorga a Universidade de Santiago de Compostela (USC) e que avalía e certifica o compromiso do sector pesqueiro coa sustentabilidade ambiental mediante a medición e redución da pegada de carbono da actividade extractiva.
Durante a súa intervención, Villaverde puxo en valor o traballo desenvolvido pola organización mariñá e pola frota asociada para avanzar cara unha actividade pesqueira máis eficiente e respectuosa co medio mariño. Neste sentido, salientou que iniciativas como Pescaenverde permiten mellorar o coñecemento do impacto ambiental da actividade pesqueira e impulsar medidas orientadas á redución das emisións e á optimización do consumo de combustible.
A conselleira destacou así que a renovación desta certificación “evidencia o compromiso do sector pesqueiro galego coa sustentabilidade, a innovación e a mellora continua, ao tempo que reforza a competitividade dos produtos do mar e a confianza dos consumidores”. Así mesmo, subliñou o papel das organizacións de produtores como “instrumentos clave para avanzar na modernización do sector, favorecer a xestión responsable dos recursos mariños e impulsar iniciativas que contribúan á sostibilidade económica, social e ambiental da pesca”.
A este respecto, Villaverde indicou a importancia de apoiar a flotas responsables como a de Burela. Para elo, a conselleira anunciou que a Comunidade Autónoma vén de presentar un recurso de dúplica ante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea no procedemento das 87 áreas de veda. Unha medida de apoio que se suma a outras lideradas pola Consellería do Mar como a clasificación do palangre demersal fóra das artes de arrastre de fondo ou a petición reiterada ao comisario europeo de Pesca e Océanos, Costas Kadis, de atender ao compromiso de non prexudicar esta flota tan sostible.
Pescaenverde desde o 2022
A flota de palangre de fondo da OPP-7 Burela, que captura a merluza do pincho, acadou por primeira vez esta certificación no ano 2022, converténdose na primeira e única de altura con esta coetiqueta que analiza diferentes indicadores relacionados coa actividade pesqueira. É o caso do consumo de combustible, as emisións asociadas e a eficiencia na explotación dos recursos.
Por elo, a titular de Mar felicitou a esta entidade pola renovación do recoñecemento e animou ao conxunto do sector a continuar traballando na mesma liña “en aras de seguir avanzando cara a unha pesca responsable que garanta o futuro da actividade e das comunidades costeiras galegas”.
Cumpren con este distintivo 24 barcos, dos que 16 son palangreiros da OPP e 8 de Armadores de Burela S.A (Absa), a sociedade que xestiona a lonxa e cuxo volume de negocio no 2025 roldou os 58 millóns de euros, derivados da comercialización de 11.000 toneladas de peixe e marisco.