Nova

A Xunta facilita a remuda xeracional no sector pesqueiro con desenvolvemento de 79 accións formativas

1 de 4
2 de 4
3 de 4
4 de 4

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, visitou o curso de mariñeiro-pescador que se está a impartir na confraría do Porto do Son

Esta formación inclúese nunha estratexia global, dotada con 12,4 M€, coa que o Goberno galego mellora a cualificación e a empregabilidade no réxime marítimo

O Porto do Son (A Coruña), 16 de abril do 2026

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, realizou hoxe unha visita ao curso de mariñeiro-pescador que se está a desenvolver na confraría do Porto do Son, unha iniciativa enmarcada no programa de axudas á formación impulsado pola Consellería do Mar co obxectivo de reforzar a capacitación profesional no sector pesqueiro.

Durante a súa visita, Villaverde puxo en valor a importancia deste tipo de accións formativas para garantir a remuda xeracional e mellorar a cualificación dos profesionais do mar, contribuíndo así á sustentabilidade e competitividade do sector. Neste senso, destacou o compromiso da Xunta co impulso da formación marítimo-pesqueira como ferramenta clave para afrontar os retos actuais. Proba diso é que, nos orzamentos deste ano, a Consellería que dirixe destina 12,4 millóns de euros á capacitación de novos profesionais do mar e á mellora da súa empregabilidade.

O curso de mariñeiro-pescador permite aos 13 alumnos matriculados adquirir os coñecementos teóricos e prácticos necesarios para o exercicio da actividade profesional no mar, cumprindo cos requisitos establecidos pola normativa vixente. Supón, polo tanto, “unha oportunidade laboral no ámbito costeiro”, precisou a responsable autonómica.

79 cursos no 2026

A conselleira tamén tivo ocasión de trocar impresións co alumnado e o persoal docente, coñecendo de primeira man o desenvolvemento da formación e as súas necesidades. Neste senso, reiterou a vontade da Consellería de seguir apoiando iniciativas que contribúan ao fortalecemento do tecido socioeconómico ligado ao mar.

Na actualidade, a Administración autonómica ten en marcha 79 accións formativas. Unha programación que, tal e como explicou Villaverde, forma parte dunha estratexia global orientada a garantir o futuro do sector pesqueiro galego, apostando pola profesionalización, a innovación e a seguridade no traballo, e contribuíndo, en paralelo, a asegurar a continuidade dun sector estratéxico para a economía e o emprego en Galicia.

Imaxes relacionadas