Nova
Villaverde reafirma o compromiso da Xunta co marisqueo con preto de 23 M€ para recuperar os bancos afectados polos temporais
A conselleira do Mar destaca que o Goberno galego é o único que está achegando solucións reais e fondos propios “fronte ao abandono do Executivo central”
O paquete de medidas inclúe 19,2 millóns para convenios coas confrarías que garanten a compensación de 700 euros mensuais ás mariscadoras por tarefas de rexeneración
Subliña a aposta pola ciencia como motor do sector con proxectos como Redemar
Santiago de Compostela, 21 de abril de 2025
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, defendeu hoxe no Pleno do Parlamento de Galicia a xestión da Xunta ante o episodio de mortalidade derivado dos temporais de comezos de ano. Durante a súa intervención, Villaverde reafirmou o compromiso "real e con feitos" do Goberno galego, que está a mobilizar un paquete extraordinario de 22,7 millóns de euros para axudar ás persoas mariscadoras a recuperar os bancos.
A titular de Mar detallou que a maior parte deste esforzo inversor, 19,2 millóns de euros, articúlase a través de convenios bilaterais de colaboración coas confrarías. Este modelo de coxestión permite que as propias entidades deseñen os seus plans de rexeneración —incluíndo sementeiras, limpeza de bancos ou acondicionamento do substrato, entre outros— mentres as persoas mariscadoras reciben unha compensación de aproximadamente 700 euros mensuais por estes traballos. A este importe súmanse 1,5 millóns para repoboación e outros 2 millóns destinados a proxectos de restauración da biodiversidade mariña.
Villaverde contrapuxo a axilidade da administración autonómica coa "ausencia de vontade política do Goberno central”. Neste sentido, lamentou que o Estado aínda non respondera á solicitude formal que lle trasladou a Consellería do Mar para que bonifique as cotas da Seguridade Social para os profesionais afectados, nin mobilizara recursos tras declarar a Galicia como zona gravemente afectada por unha emerxencia de protección civil no Consello de Ministros do 10 de febreiro. . "É inasumible que o Goberno central mire para outro lado mentres segue asfixiando a quen non pode faenar", sentenciou.
Ciencia e innovación
A conselleira incidiu en que todas as medidas da Xunta están avaladas por criterios técnicos e científicos rigorosos. Así, destacou que Galicia está á vangarda neste ámbito co proxecto Redemar, que este ano conta cun investimento de 2,4 millóns de euros para financiar máis dunha ducia de proxectos de investigación aplicada.
Entre as apostas de futuro, Villaverde tamén resaltou o impulso á ciencia e a investigación e a posta en marcha da hatchery do Vicedo neste mes de abril, ademais doutras ferramentas tecnolóxicas que permitirán mellorar a toma de decisións e a resiliencia do sector.
A responsable de Mar concluíu a súa intervención asegurando que “a Xunta seguirá dando a cara polo sector” e “estará sempre ao lado das persoas mariscadoras, con investimento, con ciencia, con formación e con acompañamento real”.