Nova

Galicia reforza a súa seguridade alimentaria cun acordo entre as consellerías de Sanidade e do Mar para controlar o peixe das piscifactorías

1 de 5
2 de 5
3 de 5
4 de 5
5 de 5

O titular de Sanidade pon en valor os controis de calidade que a Xunta realiza na cadea alimentaria e destaca a posición de referencia do Laboratorio de Saúde Pública de Galicia, que se encargará de realizar as analíticas

Marta Villaverde remarca que esta colaboración institucional garantirá os máis altos estándares de calidade e seguridade alimentaria na acuicultura galega

O convenio estenderase ata o ano 2029 e contará cun orzamento de 81.000 euros

Con este acordo a Xunta reforza o seu compromiso coa seguridade alimentaria, coa saúde pública e co apoio ao sector pesqueiro e acuícola, cuxa competitividade o converte nun sector estratéxico para a comunidade

Santiago de Compostela, 23 de abril de 2026

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e a conselleira do Mar, Marta Villaverde, asinaron esta mañá un convenio de colaboración co obxecto de analizar as mostras de peixe procedentes das piscifactorías galegas, co fin de garantir a seguridade alimentaria destes produtos.

Inserida no Plan Nacional de Investigación de Residuos (PNIR), o convenio cumpre coas directrices nacionais sobre o control de antibióticos e outras substancias prohibidas en produtos de consumo, polo que se asegura a calidade dos produtos con selo galego.

Durante o acto de sinatura, no que a subdirectora xeral de Saúde Ambiental e Seguridade Alimentaria, Inés Mato, presentou o convenio, o titular de Sanidade puxo en valor os controis de calidade que a Xunta realiza no conxunto da cadea alimentaria, subliñando que este novo acordo “velará pola seguridade alimentaria en toda a cadea”, e que “asegurará que o peixe, tanto de procedencia mariña como continental, chegue aos fogares cos máis altos estándares”.

Segundo explicou Gómez Caamaño, o encargado de realizar estas análises será o Laboratorio de Saúde Pública de Galicia. Un centro de investigación que procesa anualmente máis de 15.000 mostras vencelladas coa saúde ambiental e a seguridade alimentaria, e das que 1.800 estarían directamente co Plan de investigación de residuos antibióticos.

“O Laboratorio de Saúde Pública de Galicia é un dos laboratorios de referencia en España para as analíticas vinculadas ao plan de control de medicamentos veterinarios”, referiu o responsable autonómico, sobre un centro que recibe solicitudes procedentes de comunidades como Andalucía, Castela-A Mancha ou Madrid.

Pola súa banda, a conselleira do Mar, Marta Villaverde, destacou que coa sinatura deste convenio, a Xunta “reafirma o seu compromiso coa excelencia dos nosos produtos acuícolas”.

Nesta liña puxo en valor que a colaboración estreita coa Consellería de Sanidade permite aplicar un rigor científico máximo na supervisión das piscifactorías, tanto mariñas como continentais, asegurando que cada produto que chega ao mercado cumpre estritamente cos estándares de saúde pública máis esixentes.

A responsable autonómica indicou que se destinarán máis de 81.000 euros ata o ano 2029 para realizar controis exhaustivos que blindan a trazabilidade e a seguridade da industria acuícola. Un esforzo investidor que cualificou de “fundamental para manter a confianza dos consumidores e consolidar o liderado internacional de Galicia como un referente na produción de alimentos sans, seguros e da máxima calidade”.

Esta nova colaboración institucional engádese á cooperación xa existente entre o departamento de Saúde Pública e a Consellería do Mar, e entre a que destacan iniciativas de éxito como a mantida co Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (INTECMAR), para o control de biotoxinas e niveis microbiolóxicos en moluscos.

Con este acordo a Xunta reforza o seu compromiso coa seguridade alimentaria, coa saúde pública e co apoio ao sector pesqueiro e acuícola, cuxa competitividade o converte nun sector estratéxico para a comunidade galega.

Imaxes relacionadas