Nova

Villaverde destaca o liderado de Galicia na sustentabilidade mariña na inauguración do IV Foro Internacional da Fundación Nova Pescanova

1 de 3
2 de 3
3 de 3

A conselleira do Mar subliña a aposta da comunidade por un modelo baseado na responsabiliade, o coñecemento e a cooperación co sector para garantir o futuro dos recursos mariños e das zonas costeiras

A clausura correrá a cargo do director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Isaac Rosón

Vigo, 28 de abril do 2026

A conselleira do Mar participou hoxe na inauguración do IV Foro Galicia de Sostibilidade Global de Produtos do Mar (GSSG), que reúne en Vigo a expertos e profesionais do ámbito pesqueiro de todo o mundo, e onde puxo en valor o papel da comunidade como referente na xestión sostible dos recursos mariños e na produción responsable de alimentos do mar e a acuicultura.

Durante a súa intervención, destacou que a celebración deste encontro responde á estreita vinculación de Galicia co mar, tanto desde o punto de vista cultural como económico e social. Neste sentido, lembrou que o sector mar-industria constitúe un dos piares fundamentais da economía galega e unha fonte clave de emprego e oportunidades.

A titular de Mar explicou que o modelo galego de sostibilidade baséase “nunha xestión ordenada e rigorosa dos recursos, sustentada en criterios científicos e no diálogo permanente co sector, así como nun tecido empresarial comprometido coa calidade, a trazabilidade e o respecto ao medio mariño”.

Grazas a este enfoque, “consolidámonos como un exemplo de produción sostible, capaz de compatibilizar a conservación dos ecosistemas mariños coa actividade económica e co mantemento de miles de postos de traballo nas zonas costeiras”, subliñou.

A conselleira incidiu en que a sostibilidade debe entenderse desde unha perspectiva global, tendo en conta as dimensións ambiental, social e económica. Así, salientou que “coidar do mar implica tamén garantir o benestar das persoas que viven del e asegurar o futuro das comunidades mariñeiras”.

Neste contexto, fixo referencia á crecente demanda dos consumidores de información sobre a orixe dos produtos, os procesos de produción e as certificacións de calidade, así como á necesidade de avanzar na redución do desperdicio alimentario.

Compromiso da Xunta

Villaverde reafirmou o compromiso do Goberno galego cun modelo integral baseado na corresponsabilidade de todos os axentes da cadea mar-industria, que combina gobernanza, innovación e diálogo co sector co obxectivo de asegurar a sustentabilidade a longo prazo.

Finalmente, agradeceu o labor das entidades organizadoras deste foro, impulsado pola Fundación Nueva Pescanova co apoio da Consellería do Mar, e outras institucións, e destacou a súa relevancia como espazo para o intercambio de coñecementos e boas prácticas a nivel internacional.

O encontro será clausurado esta tarde polo director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Isaac Rosón.

Imaxes relacionadas