Nova

Villaverde destaca a importancia de fomentar o consumo de produtos do mar entre os máis mozos con proxectos como `Xeración Peixe´

1 de 2
2 de 2

A conselleira do Mar participa no Congreso de Infancia e Adolescencia organizado pola Fundación Expomar en Burela

A iniciativa, financiada pola Consellería do Mar ao abeiro das Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo, inclúe obradoiros, limpezas de areais e trocos interxeracionais para conectar aos máis novos coa nosa identidade mariñeira

A Xunta destinou máis de 107.000 € nos últimos dous anos a campañas de promoción e patrocinio dos produtos da zona

Burela (Lugo), 30 de abril do 2026

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, participou hoxe no Congreso de Infancia e Adolescencia celebrado na Casa da Cultura de Burela, onde subliñou a importancia de consolidar hábitos de vida saudables entre os menores e garantir o futuro do sector pesqueiro galego con proxectos como Xeración Peixe. O evento, organizado pola Fundación Expomar no marco desta iniciativa financiada pola Consellería do Mar ao abeiro das Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo, serviu como foro de encontro para analizar a relevancia da proteína mariña na alimentación infantil.

Villaverde destacou que fomentar o consumo de peixe e marisco entre nenos e adolescentes ocupa un lugar "absolutamente prioritario para a Xunta”. Segundo explicou a titular de Mar, urxe manter a ligazón entre o noso mar e as novas xeracións. Por iso, valorou dun xeito moi positivo as múltiples actividades que vertebran este proxecto —desde visitas á rula, obradoiros de cociña e nós mariñeiros, ata investigacións, limpezas de areais e o valioso intercambio interxeracional coas persoas maiores—. Un programa que, en palabras da conselleira, “une investigación, cultura, gastronomía, medio ambiente e artesanía para conectar á mocidade co esforzo dos profesionais do sector”.

Investimento sostido

A conselleira lembrou que este apoio ao sector tradúcese en feitos concretos. Entre 2024 e 2025, a Consellería do Mar mobilizou máis de 107.000 euros en accións de promoción directa na comarca, financiando iniciativas de impacto como a feira Produart ou as Xornadas do Orgullo Mariñeiro. Estas campañas son esenciais para posicionar a excelencia dos produtos pesqueiros galegos e sensibilizar á sociedade sobre a importancia de consumir produto local, sostible e de tempada. “O peixe e o marisco forman parte da nosa tradición e son o principal piar da nosa dieta atlántica, recoñecida polos seus beneficios nutricionais”, afirmou.

Finalmente, Marta Villaverde felicitou á Fundación Expomar, aos representantes locais e a todos os centros educativos e residencias colaboradoras pola organización desta "fantástica iniciativa" que reafirma a Burela como un epicentro da cultura mariña en Galicia. Con este proxecto, o Goberno galego confía en que as boas experiencias vividas actúen como semente para forxar unha relación sólida e comprometida da infancia cos excelentes produtos do noso mar.

“Oxalá este encontro sirva para espertar curiosidade, para reforzar coñecementos e para fomentar unha actitude máis consciente e responsable, porque diso depende, en boa medida, o noso benestar e o das xeracións que están por vir”, concluíu.

Imaxes relacionadas