Nova
Portos de Galicia inviste 50.000 € na rehabilitación da balaustrada e a mellora do paseo do Preguntoiro, en Vilaxóan
O presidente do ente público visitou as obras que se atopan en execución desde esta semana
Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 8 de maio de 2026
A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, está a investir preto de 50.000 euros nas obras de rehabilitación da balaustrada e posta en valor do paseo do Preguntoiro, no porto de Vilaxoán, en Vilagarcía de Arousa (Pontevedra). Así o comunicou esta mañá o presidente de Portos, José Antonio Álvarez, nunha visita á dársena, na que estivo acompañado do patrón maior e representantes municipais.
O presidente do ente público lembrou que esta actuación, que deu comezo esta mesma semana, mellorará o conxunto do paseo e reparará os danos provocados polos temporais do inverno. En concreto, o tren de borrascas dos meses de xaneiro e febreiro provocaron danos na balaustrada do paseo que discorre xunto á praia do Preguntorio así como no mobiliario urbano.
As obras que Portos de Galicia está a tramitar permitirán recuperar a balaustrada e repoñer o mobiliario urbano, poñendo en valor un espazo portuario de uso público e turístico fundamental para a integración entre o porto e a cidade, un dos eixos de traballo permanentes do ente público.
Finalmente, o presidente de Portos detallou que os traballos incluirán a limpeza do muro de granito e do total da balaustrada, o pintado desta, a instalación de bancos e novas papeleiras e a reparación da beirarrúa en varios tramos coa colocación de novas baldosas.
Reversión do solo ao Estado
Durante a súa visita ás obras, José Antonio Álvarez lembrou que o paseo do Preguntoiro inclúese na proposta de reversión de terreos portuarios declarados innecesarios á Administración Xeral do Estado que a Xunta de Galicia aprobou no Consello do 12 de setembro de 2025 e que se atopa pendente de aceptación por parte do Ministerio de Transición Ecolóxica.