Nova
A Xunta e Conxemar renovan a súa alianza para reforzar a promoción e comercialización dos produtos conxelados da pesca
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, e o presidente de CONXEMAR, Eloy García, ratificaron un acordo centrado en fomentar o consumo
Santiago de Compostela, 25 de maio do 2026
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, e o presidente da Asociación Española de Maioristas, Importadores, Transformadores e Exportadores de Produtos da Pesca e Acuicultura (Conxemar), Eloy García, asinaron hoxe un convenio de colaboración institucional que ten por obxecto establecer as bases para a promoción e a mellora da comercialización dos produtos conxelados da pesca durante o ano 2026.
A responsable autonómica subliñou que este acordo, ao que a Consellería e Conxemar destinan cadanseus 230.000 euros, renova a alianza e estreita colaboración da Xunta con esta entidade que reflicte o compromiso do Goberno galego co crecemento do sector, reforzando a posición da comunidade como un referente tecnolóxico e gastronómico global.
Villaverde puxo en valor o traballo conxunto que manteñen a Administración autonómica e esta entidade sectorial, que colaboran de xeito habitual noutras iniciativas en beneficio da cadea mar-industria. No presente convenio prevense accións específicas destinadas a fomentar o consumo, como menús degustación e showcookings, o certame musical ConxemarFest Fish&Hits, o concurso Conxemar Tapas ou o proxecto innovador Conxemar Lab destinado aos máis pequenos.