Nova
A Xunta asina coa Confraría de Carril o convenio para recuperar os seus bancos marisqueiros tras os temporais
Este convenio presentado pola confraría e autorizado polo Consello da Xunta destinará máis de 100.000 ás distintas tarefas que permitan rexenerar os areais
San Caetano, 19 de xuño de 2026
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, e o patrón maior da Confraría de Pescadores de Santiago Apóstolo de Carril, Javier Quintáns, asinaron hoxe o convenio de colaboración que permitirá destinar 100.417 euros á recuperación dos seus bancos marisqueiros afectados polos temporais e conseguintes episodios excepcionais de baixa salinidade de comezos de ano.
O convenio, cofinanciado a través do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (Fempa), focalizará as súas intervencións nos bancos de praia da Concha de Compostela e A Fangueira, nunha superficie aproximada de 60.000m². O orzamento destina case o 70 % do total ao sostemento económico de 50 mariscadoras en quendas de catro horas de media.
Entre as accións elixibles están o arado con tractor e desde embarcación, a eliminación manual de pedras en zonas do Ancho e Ramal, o nivelado de fochas e a retirada con rastros e angazos de macroalgas pardas (madeixo), que serán tratadas en colectores cedidos polo Concello. En materia de control de fauna, a entidade, implicada no proxecto Sol-Ouxa II da rede Redemar, capturará exemplares de ouxa para estudos estomacais e marcaxe científica. As quendas de custodia diaria estenderanse sobre un radio global de 770.000 m² para protexer tamén a biomasa reprodutora do banco de Os Lombos do Ulla.