Nova

A Xunta leva o 'Movemento azul' aos campamentos de verán para promover a remuda xeracional e as profesións do mar entre a mocidade

1 de 4
2 de 4
3 de 4
4 de 4

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, visitou hoxe no Campamento Xuvenil Pontemaril de Forcarei os obradoiros de Un Mar de Profesións, unha iniciativa que chegará a máis de 700 escolares en 10 campamentos de toda Galicia

Forcarei (Pontevedra), 21 de xullo de 2026

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, acompañada pola alcaldesa de Forcarei, Belén Cachafeiro, visitou o Campamento Xuvenil Pontemaril con motivo da xornada do programa formativo Un Mar de Profesións, integrado na iniciativa ‘Movemento Azul’ da Xunta. Esta acción procura conectar as novas xeracións cos recursos e oportunidades do litoral, e para iso desprega este verán unha campaña específica en 10 campamentos da comunidade na que participarán máis de 700 nenos e nenas de entre 7 e 11 anos.

A titular de Mar destacou que o obxectivo prioritario de 'Movemento Azul' é espertar vocacións temperás e avanzar na remuda xeracional no sector marítimo-pesqueiro, amosando os oficios tradicionais e emerxentes como opcións de futuro atractivas, sustentables e innovadoras. Os escolares participan de obradoiros prácticos e interactivos onde rotan por tres estacións temáticas: mariscadores e pescadores (onde aprenden sobre artes tradicionais e miden tallas mínimas con calibres), observadores científicos (identificando biodiversidade autóctona) e patróns de pesca (interpretando cartas náuticas e trazando rutas).

Trátase dun proxecto transversal aliñado coa Estratexia de Economía Azul de Galicia no que tamén se despregou en centros educativos galegos durante o curso escolar. A través desta programación, que continuará percorrendo diferentes concellos do interior e da costa ata o vindeiro 6 de agosto, o Goberno galego busca reforzar o compromiso da mocidade coa protección dos ecosistemas mariños e poñer en valor a cadea mar-industria como motor económico, social e cultural da comunidade.

Imaxes relacionadas