Nova

Portos de Galicia inviste 50.000 € na renovación do pavimento do pantalán pesqueiro e de embarcacións tradicionais de Ribeira

1 de 2
2 de 2

Os traballos atópanse en execución e permitirán dotar a instalación flotante de material tecnolóxico, de maior resistencia e durabilidade

Santiago de Compostela, 23 de xullo de 2026

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, está a investir 50.000 euros na renovación integral do pavimento de madeira do pantalán para embarcacións pesqueiras e tradicionais do municipio coruñés de Ribeira. Os traballos, que se atopan en execución, inclúen tamén a mellora do pavimento da pasarela que dá acceso a este pantalán de descarga. 

En concreto, as obras consisten no desmonte do pavimento de madeira, formado por táboas e dormentes, e a posterior substitución por novo pavimento tecnolóxico de maior durabilidade e resistencia ante condicións climatolóxicas adversas. O ámbito da actuación abrangue 374 metros cadrados de pavimentos. En todo momento facilitarase o acceso dos usuarios ás súas embarcacións, adoptando as medidas precisas.

Con esta actuación, Portos de Galicia mellorará a seguridade do tránsito nestas instalacións flotantes minimizando os riscos de esvarar ou de accidente. Ademais quedarán repostas as táboas en mal estado debido ao deterioro do material polas condicións climatolóxicas severas que soportan e a acción do mar. 

As obras no porto de Ribeira enmárcanse nun contrato global para unha decena de portos autonómicos por importe de 640.000 euros. Con este plan, o ente público reforzará a resistencia das instalacións flotantes ante condicións adversas no porto ribeirense así como nos de Lorbé (Oleiros), Muxía, Muros, A Barquiña (Outes), A Pobra do Caramiñal, Carril (Vilagarcía), Vilanova de Arousa, O Grove e Baiona. 

Imaxes relacionadas