Nova

O Diario Oficial de Galicia publica o destino de 19 profesionais da categoría estatutaria de médico de hospitalización a domicilio do Servizo Galego de Saúde

Resólvese o concurso específico para o ingreso nesta categoría en prazas das sete áreas sanitarias

Santiago de Compostela, 3 de agosto de 2026

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica, na súa edición de hoxe, a resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde pola que se resolve o concurso específico para o ingreso na categoría estatutaria de médico de hospitalización a domicilio.

Resultaron nomeados, como persoal estatutario fixo na categoría de médico de hospitalización a domicilio, 19 profesionais do Servizo Galego de Saúde que xa tiñan vínculo fixo como persoal estatutario neste organismo autónomo.

En concreto, os profesionais terán como destino o Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (1); o Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol (1); o Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (2); o Hospital Público da Mariña (3); o Hospital Universitario Lucus Augusti (4); o Hospital Público do Salnés (1); o Hospital Público de Barbanza (1); o Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (3); e o Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (3).

O Decreto 34/2021, do 11 de febreiro, polo que se crea no ámbito do Servizo Galego de Saúde a categoría estatutaria de médico de hospitalización a domicilio, establece na disposición transitoria primeira un procedemento específico de acceso á dita categoría nos termos previstos no artigo 34 da Lei 55/2003, do 16 de decembro, do Estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde, e do artigo 25.3 do Decreto 206/2005, do 22 de xullo, de provisión de prazas de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde.

Para estes efectos, o dito Decreto 34/2021, do 11 de febreiro, establece que se realizará convocatoria diferenciada para o acceso, polo sistema de concurso, á categoría e ás prazas concretas de persoal médico de hospitalización a domicilio, aberta ao persoal licenciado ou graduado universitario en medicina e título oficial de médico especialista con vínculo de fixeza que desempeñe ou desempeñase no Servizo Galego de Saúde, na data de entrada en vigor deste decreto ou con anterioridade, as funcións propias da dita categoría.